Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Deput. Pontevedra / Comunicación aberta a tódolos Profesionais Galegos do Ensino.

Comunicación aberta a tódolos Profesionais Galegos do Ensino.

Deput. Pontevedra

Resposta da AGG á Nota aclaratoria do Sr. Cabezas aos Centros de Ensino de Pontevedra.

Como resposta á nota aclaratoria que se reproduce ao final, e que O señor Hipólito Cabezas remitiu aos centros de ensino de Pontevedra nos que impartiu ultimamente charlas para a captación de alumnos para as escolas de gaita da Excma. Deputación de Pontevedra, a AGG ven de enviar aos mesmos centros o comunicado que segue e que quere facer extensivo por medio deste portal, a tódolos profesionais do ensino galego para que enfoquen este complicado problema e axunden a resolvelo na súas propias aulas


Mais información

Como resposta á nota aclaratoria que se reproduce ao final, e que O señor Hipólito Cabezas remitiu aos centros de ensino de Pontevedra nos que impartiu ultimamente charlas para a captación de alumnos para as escolas de gaita da Excma. Deputación de Pontevedra, a AGG ven de enviar aos mesmos centros o comunicado que segue e que quere facer extensivo por medio deste portal, a tódolos profesionais do ensino galego para que enfoquen este complicado problema e axunden a resolvelo na súas propias aulas

Comunicado aos Claustros de Profesores dos Centros de Ensino da Provincia de Pontevedra.

Con respecto á creación na provincia de Pontevedra de cinco escolas de música tradicional e da nota que o seu director, D. Hipólito Cabezas Gómez, remitiu a tódolos centros de ensino, a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) quere manifestar o seguinte:

1.- Galicia en xeral, e a provincia de Pontevedra en particular presentan, no eido da música tradicional, unha variedade e riqueza etno-musicolóxica realmente abraiante. As distintas vilas e bisbarras mostran unha diversidade única que debe de ser preservada a toda costa. A instauración destas cinco escolas presenta, neste senso, unha ameaza certa de uniformización do ensino condenando, deste xeito, aquela diversidade á súa destrución total.

2.- Contrariamente ao afirmando polo Sr. Cabezas, a AGG e os colectivos pontevedreses implicados na protesta polo convenio da Excma. Deputación coa “Asociación de Bandas de Gaitas y Percusión de la Provincia de Pontevedra” (ABGPPP), están ao tanto da súa traxectoria e perfectamente informados do proxecto presentado, no que figura un “plan de estudos” -por chamalo de algún modo- realmente pobre. Por outra banda, o Sr. Cabezas informou ao respecto nas charlas ofrecidas nos institutos e colexios da provincia, utilizando, incluso, vídeos que aclaran perfectamente o seu modo de traballo. Así e todo, o discurso do Sr. Cabezas foi mudando cara ao tradicional na mesma medida en que os colectivos e a AGG ían discrepando do seu proxecto nos medios de comunicación.

3.- Os colectivos pontevedreses e a AGG non pretenden confundir, senón informar á comunidade provincial do perigo que pode supor para a nosa cultura este tipo de escolas. Experiencia haina sobrada co proxecto Ourensán, que comezou do mesmo xeito e que, ao día de hoxe, case acabou coa música tradicional naquela provincia. Por outra banda, é sobradamente coñecida, entre a xente do mundo da gaita galega, a íntima relación e contacto do director das escolas pontevedresas co seu homónimo da ourensá.

4.- A meirande parte dos músicos que impartiron os cursos monográficos na ABGPPP que o Sr. Cabezas cita no comunicado, están totalmente en desacordo co proxecto que nos ocupa, e mesmo apoian sen condicións a iniciativa da AGG e dos colectivos da provincia en contra do mesmo.

5.- A demagoxia utilizada polo Sr. Cabezas cando fai seu o mérito da “asistencia” de 8.000 alumnos de primaria e secundaria ás súas charlas, e a adxudicación a si mesmo e ao seu proxecto do patrimonio cultural galego delata, precisamente, a súa ansia por zafarse das críticas de calquera xeito posible, e seguir adiante co seu proxecto ao prezo que sexa.

6.- A mención e defensa das bandas de gaitas nas súas conclusións, deixa ás claras que o verdadeiro motivo da creación das escolas non é o ensino nin o amparo do patrimonio cultural galego, senón a captación de membros para esas mesmas bandas que serán utilizadas, segundo o proxecto presentado e o acordo asinado, nos actos oficiais da Excma. Deputación, transmitindo unha imaxe falsa da realidade cultural galega.

A AGG e o colectivo de músicos tradicionais da Provincia de Pontevedra están a manter contactos coa Excma. Deputación para tentar cambiar a orientación vertical destas escolas por unha horizontal, na que se teñan en conta ás asociacións que xa estaban a traballar previamente neste eido nas distintas comarcas. A información completa de tódalas actuacións e notas de prensa a este respecto pódese consultar na sección de novas do portal da AGG www.gaiteirosgalegos.com

A AAG e o colectivo de músicos tradicionais da Provincia de Pontevedra quere rogarlles a vostedes, os mestres de primaria e secundaria, que teñan a ben defender o noso patrimonio cultural informando nas aulas aos seus alumnos da realidade certa da música tradicional galega. Por e para isto, poñémonos ao seu dispor incondicionalmente para asesoralos no que precisen.

Moi agradecidos pola súa atención, despedímonos na confianza de que entenden e comparten a nosa postura e visión do problema exposto.


Asdo. Santiago Caneiro Aneiros, presidente.




NOTA ACLARATORIA DO DIRECTOR DA ESCOLA DE GAITAS E PERCUSIÓN DA PROVINCIA DE
PONTEVEDRA, HIPÓLITO CABEZAS, ANTE AS CRÍTICAS PUBLICADAS NOS MEDIOS DE
COMUNICACIÓN

Como director da Escola de Gaitas e Percusión da Provincia de Pontevedra e
diante das críticas vertidas por diferentes colectivos nos medios de
comunicación quero manifestar o seguinte:

l-Considero que as críticas reflexadas nos medios de comunicación son
totalmente inxustas, precipitadas e sen ningún tipo de fundamento posto que
os colectivos que as realizaron non coñecen o programa formativo da escola.
Non entendo como se pode criticar un proxecto que aínda non está iniciado.

2- Con respecto ás manifestacións sobre o tipo de gaita utilizada na escola
quero aclarar que o instrumento que os alumnos están e van a utilizar é a
gaita tradicional galega. Tamén é falso o comentario sobre a utilización de
traxes con saias ou outro tipo de vestimenta posto que calquera pode
comprobar que o vestiario utilizado é o tradicional.

3-Entendo que estes colectivos pretenden intencionadamente confundir á
cidadanía coas súas declaracións, apoiándose no feito de que unha das bandas
da Asociación utiliza ocasionalmente unha gaita galega cunha disposición dos
roncos non tradicional. Esta disposición non a converte nunha gaita escocesa
xa que son dous instrumentos musicais totalmente diferentes como saben
perfectamente os que están alimentando esta polémica.

4- A gaita escocesa é un instrumento totalmente diferenciado que posúe unha
dixitación e unha escala totalmente diferente á gaita galega, unha
construcción distinta xa que os calibres interiores dos punteiros son
cilíndricos fronte ós cónicos da galega e utilizan distintos tipos de
palleta.

5- O proxecto da Escola de Gaitas e Percusión da Provincia de Pontevedra
está avalado por anos de experiencia no ensino dos diversos instrumentos,
traballando na formación de músicos a nivel individual e colectivo. A
Asociación de Bandas de Gaitas e Percusión da Provincia de Pontevedra
engloba na actualidade máis de 200 alumnos repartidos en diversas bandas.

6-Dende os seus inicios a asociación preocúpase de proporcionar o acceso a
unha formación diversa, complementando o ensino dos instrumentos mediante
cursos mono gráficos impartidos por músicos de relevancia e representativos
das distintas tendencias. Nos máis de lO anos de experiencia impartíronse
cursos específicos con mestres de gaita como: Raúl Galego, Pepe Vaamonde,
Edelmiro Femández, Henrique Otero, Xosé Manuel Budiño, etc.; e de percusión
como: Manolo Rin-rin, Xosé Manuel Femández (Muxicas), Felisa Segade
(Leilía), Xurxo Núñez, Wenceslao Cabezas (Polo), Allánn Chattó (Catedrático
de percusión pola Universidade de Sidney-Australia), etc.. Deste xeito a
base técnica adquirida polos alumnos durante o curso, xunto coa formación
complementaria proporcionada nos diversos cursillos, enriquecen a formación
musical do alumnado.

7 - Outra proba de que as manifestacións sobre a mala formación da escola
son pouco críbles é que no ano 2000 o prestixioso gaiteiro Carlos Núñez
realizou unha selección a sobre pechado de novas promesas para impartir
unhas clases maxistrais. Foron seleccionados 12 alumnos de toda Galicia dos
cales 4 eran alumnos meus.

8- A boa acollida obtida nos distintos 'concertos-demostración levados a
cabo no concello de Vilagarcía, onde en tan só dous días foron matriculados
ó redor de 60 novos alumnos, é a mellor proba de que este proxecto interesa
ós cidadáns. Nestas charlas os rapaces puideron ver e escoitar dende
percusións miúdas como tarrañolas, culleres e cunchas, pandeireta ata o
charrasco (quizais o que máis sorprende). Tamén instrumentos de vento coma o
pito galego, asubíos, ocarina, gaitas galegas en distinta tonalidade, e unha
das máis recentes innovacións no mundo da gaita, unha gaita MIDI desenrolada
polo gaiteiro pontevedrés José L. Presedo.

9- Quero salientar que fronte aqueles que afirman que a través da nosa
escola os alumnos non van a acceder ós instrumentos tradicionais a mellor
proba desta falsedade son os máis de 8.000 rapaces que participaron nas
charlas e coñeceron a riqueza musical da gaita galega e da percusión, os
seus valores culturais e as principais manifestacións artísticas do
patrimonio cultural galego.

En definitiva, quero subliñar que nin os alumnos van a utilizar unha gaita
escocesa, nín traxes distintos ós tradicionais. Non podemos esquecer que as
bandas de gaitas son unhas formacións actuais de feíto a primeira foi a
Escola de Gaitas de Ortigueira creada no ano 1977 polo que non poden
encaiarse nunhas realidades que mudaron significativamente co paso do tempo.
Entendemos que o xeito de manter vivo o noso patrimonio cultural e musical é
saber adaptalo ás novas realidades e a unha ensinanza musical actualizada,
acorde cos nosos tempos.

Hipólito Cabezas
Director da Escola de Gaitas e Percusión Provincia de Pontevedra.