A Casa da Cultura de Melide levará por nome Mingos de Pita
Martes, 26 Novembro 2019 16:32
A Casa da Cultura de Melide levará por nome Mingos de Pita, como popularmente era coñecido o activista cultural da localidade, Xosé Domingos Fuciños, falecido hai dous anos.
D. Xosé Domingos Fuciños Gómez (Mingos de Pita), ademais das decisivas achegas ao dinamismo musical e cultural de Melide, foi tamén socio fundador da AGG e unha figura clave nos inicios da nosa Asociación.
Mingos participou, xunto con outros gaiteiros e artesáns da súa xeración, nas primeiras xuntanzas que se levaron a cabo en Ortigueira e Melide, cunha común preocupación que era defender e dignificar a figura do noso instrumento nacional, a gaita, e por suposto a figura do gaiteiro.
Dende a AGG aledámonos deste merecido recoñecemento a Mingos de Pita, e sempre lle estaremos agradecidos da labor que desenvolveu ao longo dos anos pola nosa cultura.