XX edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas
Martes, 02 Outubro 2018 15:44
A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s organiza a XX edición da Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas, mostra que contará coas actuacións de 13 grupos de música tradicional galega, que encherán da nosa música o casco vello da cidade de Lugo no día máis emblemático das festas do San Froilán.
Os grupos participantes na mostra actuarán en horario de mañá e de tarde en distintas portas da muralla, prazas e rúas, de tal maneira que toda a xente que entre na cidade, sexa recibido co son da nosa musica tradicional.Os grupos participantes son os seguintes:
A Volta do Agro (Lugo), Abertal (A Rúa), Arume (Boiro), Banda de gaitas Sons da Chaira (Terra Cha), Caivanca (Lugo), Cántigas e Frores (Lugo), Folquiada (Lugo), Lagharteiras (Mos), Os Campantes da Baña (A Baña), Os de Algures ( Pontevedra), Raparigos ( Ferrol), Reviravolta (Lugo) e Xaora (Lugo.
Pola mañá os 13 grupos sairán dende a Praza Maior ás 11.30 horas facendo un pasarrúas polas distintas rúas do centro urbán amurallado, ata as 14:00h.Pola tarde repetiranse as actuacións a partir das 17.30 horas, para logo rematar ás 19.00 horas.
Esta mostra, na que a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s xunta ano tras ano aos mellores grupos de gaitas de Galicia, ten como finalidade a exaltación da música tradicional galega servindo como medio de difusión para que a nosa música chegue ao maior número de xente posible. É a única mostra deste tipo que se fai nunhas festas patronais e consegue que Lugo sexa referencia en toda Galicia, pois demostra que a nosa música tradicional pode ser a protagonista da festa na rúa.
Esperámoste en Lugo o vindeiro domingo para desfrutar coa nosa música tradicional !!!!