Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Varios / A MOSTRA ‘A GAITA NA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA’ INICIA A SÚA ITINERANCIA EN VIASCÓN

A MOSTRA ‘A GAITA NA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA’ INICIA A SÚA ITINERANCIA EN VIASCÓN

Varios

viascn expo gaita pqEsta mañá o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o presidente e vicepresidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, Xoán Manuel Tubío e Oli Xiráldez, e a técnico de cultura do concello de Cerdedo- Cotobade, Mónica González, participaron no acto de apertura da mostra ‘A gaita na música tradicional galega’, que inicia a súa itinerancia pola provincia no concello de Cerdedo-Cotobade. A exposición poderá visitarse na Casa da Gaita, na parroquia de Viascón, ata o vindeiro 27 de maio. O deputado provincial asegurou que “quixemos iniciar o percorrido desta mostra neste lugar por ser un espazo emblemático para a gaita e para a música tradicional na nosa provincia, como é a Casa da Gaita e Viascón como berce do gran mestre gaiteiro Ricardo Portela”. Leal insistiu en que “esperamos que con esta mostra se visibilice máis a actividade que aquí se realice e que este museo sexa máis coñecido tanto entre as persoas interesadas na gaita e na música tradicional como entre o público en xeral”.

 

para ler a nova ao completo preme no título

 

A mostra consta de 10 paneis que repasan a historia da gaita desde a súa aparición nun formato rudimentario na antiga Mesopotamia no 2.000 a.C – onde xa se rexistra a idea de unir unha bolsa ou fol a un tubo sonoro-, ata a actualidade e facendo paradas en fitos e cuestións particulares como a figura do gaiteiro anónimo, o concurso de Ponteareas, a historia da propia Asociación de Gaiteiros Galegos, ou o único museo dedicado exclusivamente á gaita de fol como é a Casa da Gaita de Viascón. Neste sentido, o presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, Xoán Manuel Tobío asegurou que “esta mostra xusto nesta sala permítenos facer unha viaxe moi completa ao longo do tempo e da historia, cunha parada importante na vida e na obra de Ricardo Portela, ao tempo que permite achegar a gaita a toda a poboación, e este é o motivo fundamental que nos levou a colaborar neste proxecto”.A mostra, comisariada por Xaime Estévez Vila, Carlos Collazo de la Fuente e Ana Costas Carbajal, conta coa participación da Asociación de Gaiteiros Galegos, do obradoiro Gil de gaita tradicional, Pablo Carpintero, e inclúe numerosas fontes bibliográficas, deseños e fotografías dos fondos do Museo de Pontevedra. “A gaita na música tradicional galega” pon en valor o que se considera o instrumento paradigmático da música galega, ao que diferentes autores dedican máis atención, desde Casto Sampedro no seu ‘Cancionero Musical de Galicia’, ate estudosos contemporáneos como Mª do Carme Novoa, Mª Pilar Alén, ou Xesús Ferro Ruibal. Tamén rende homenaxe á figura do gaiteiro, que vén desempeñando un papel musicalmente preponderante na sociedade xa desde tempos do imperio romano, onde os tibicen e os auletes practicaban un tipo de música reservada para os rituais, espectáculos públicos e as grandes celebracións. Este foi sen dúbida o papel do gaiteiro galego na sociedade rural ata ben entrado o século XIX e, nalgúns casos concretos, ata máis aló da metade do século XX.

exposición pode visitarse na Casa da Gaita de Viascón de luns a venres en horario de 10 a 14 horas; os sábados de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e os domingos de 10 a 14 horas. No acto de apertura desta mañá actuou o cuarteto tradicional Faíscas de Solobeira. Despois de pasar por Viascón, a exposición continuará o seu percorrido por Soutomaior, Moaña, Mondariz e Rodeiro.