Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / Presentación do libro-CD MÉTODO DE TAMBOR GALEGO do percusionista Andrés Vilán na Tradescola.

Presentación do libro-CD MÉTODO DE TAMBOR GALEGO do percusionista Andrés Vilán na Tradescola.

Varios

presentacion tambor_andresvilan--01 - pqO vindeiro día 9 de abril, ás 19:00 horas, terá lugar na Tradescola (Salón de Actos do Centro Lug 2, na rúa Pintor Corredoira, nº 4 - Lugo) a presentación do MÉTODO DE TAMBOR GALEGO do percusionista Andrés Vilán.

Con este libro-CD o autor pretende asentar as bases deste instrumento, comezando polos conceptos máis básicos ata outros máis avanzados e, deste xeito, sistematizar unha técnica propia e axeitada desde calquera punto de vista: técnico, musical e histórico.

Esta obra está considerada pola crítica como a máis importante no seu campo dentro da percusión tradicional galega. Actualmente está á venda a segunda edición, despois de esgotarse a primeira en menos dun mes desde a súa saída ao mercado.

Tras case dúas décadas de experiencia docente, e debido á falta de métodos específicos para tambor galego, o autor, Andrés Vilán, decide publicar esta obra co fin de encher o baleiro existente neste eido.

Este traballo, de máis de cen páxinas, segue a estrutura dos catro bloques principais (O tambor galego, Sistema de notación, Técnica e Padróns rítmicos) empregada polo autor ao longo de moitos anos, tanto nas súas aulas regulares como nos obradoiros e master classes, e posteriormente imitada por outros percusionistas do país no seu labor docente.

Nun primeiro bloque amósanos a orixe e evolución dos diferentes tambores presentes na nosa tradición, así como as súas principais características e o seu funcionamento mecánico. No seguinte bloque preséntanos un sistema de notación propio para o tambor galego, desenvolvido a partir do sistema monolineal creado polo Dr. Fritz Berger. No terceiro céntrase na técnica propiamente dita, traballando diferentes conceptos, como o agarre, o golpeo ou o redobre, con case cen exemplos prácticos. No último bloque amósanos preto de trescentos padróns dos principais ritmos da música tradicional galega e o arranxo para tambor de catro obras para gaita.

Este método vén apoiado por numerosas fotografías e un CD con máis de cen cortes de audio con gran parte dos exercicios e padróns rítmicos vistos anteriormente, así como coas catro obras para gaita, con e sen percusión. Nestas catro obras colaboran os músicos Edelmiro Fernández, Pablo Dalama, Oscar Ibáñez, Álvaro Novegil, Iván Costa, José Manuel López e Cristian Silva.

Neste acto contarase, ademais, coa presenza de Álvaro Novegil, representante da Editorial Gaiteiros das Rías Baixas e músico colaborador neste libro-CD.