Presentación da nova páxina web do APOI (apoi.museodopobo.gal) na TRADESCOLA
Venres, 09 Febreiro 2018 18:30
O vindeiro xoves día 22 de febreiro terá lugar a presentación da nova páxina web do APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) do Museo do Pobo Galego na Tradescola. Será no salón de actos do centro ás 19.30 horas. ( Tradescola, Centro Lug 2 , Rúa Pintor Corredoira nº 4 - Lugo)
O APOI alberga contido relevante para músicos, investigadores, educadores e todo tipo de persoas que queiran coñecer as tradicións de Galicia. Os fondos do arquivo medran continuamente (a día de hoxe, máis de 1300 obxectos entre cintas dixitalizadas de audio e vídeo e gravacións dixitais en orixe), e conforme se van documentando e, no seu caso, estudando, publícanse parcialmente ou íntegros na base de datos en Rede (remodelada no 2017: http://apoi.museodopobo.gal).
A día de hoxe están dispoñibles en Rede máis de 400 cortes de cantigas e melodías instrumentais, coa transcrición duns 300 textos e 200 partituras e análises musicais. O ano pasado abriuse a rama etnográfica xeral do arquivo, con recollas de entrevistas, entroidos, teatro popular etc.
Nesta presentación, aberta ás preguntas e dúbidas dos asistentes, achegarémonos aos contidos do arquivo (gravacións destacadas de audio e de vídeo con música e baile, partituras ou fotografías) e, principalmente, ao funcionamento da súa base de datos (exploración, busca simple e avanzada).
Aquí vos deixamos dúas mostras:
http://apoi.museodopobo.gal/454/
http://apoi.museodopobo.gal/68/
e ligazóns á web e ao facebook:
https://www.facebook.com/APOI-Museo-do-Pobo-Galego-1514549638818608/
Reservade o día e non vos perdades esta interesantísima presentación que será de moitísima utilidade para todos os que gozamos coa cultura tradicional!!!