Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Como xa sabedes, o pasado día 10 de Maio tivo lugar a presentación da programación cultural "Vai de Camiño 2007", compendio das actividades lúdico-culturais nas diferentes rutas xacobeas durante o verán, organizadas pola Consellería de Innovación e Industria, a través do Xacobeo. Trátase dun proxecto que intenta conformar un circuito cultural estable no que desenvolver unha programación anual diversificada, plural, participativa e de calidade, que reforce esta vía como a ruta cultural máis importante de Europa e que contribúa á dinamización económico-social dos camiños, das vilas, do territorio e das súas xentes.

O 100% das actividades serán realizadas por artistas galegos coa intención de promover a súa actividade profesional e a súa capacidade creativa; potenciando asimesmo a popularización da cultura galega tanto entre os habitantes de Galiza como entre os camiñantes, turistas e público en xeral.

A Consellaría de Innovación e Industria e o Xacobeo contan nesta ocasión coa colaboración da Asociación de Gaiteiros Galegos, que escolleu a 72 grupos de música tradicional participantes no programa. A música tradicional estará presente en todas as grandes actuacións como a animación de rúa, os catro festivais de música tradicional ou os quince festivais de pequenas vilas cun formato acústico. Todos os participantes foron seleccionados das nosas bases de datos, elaboradas a partir das enquisas de músicos tradicionais que os nosos socios enviaron.

Todos os interesados en coñecer ós grupos participantes no "Vai de Camiño 2007" teñen o listado aquí.

"Vai de Camiño 2007"