Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A TRADESCOLA INCREMENTA O SEU ALUMNADO NUN 35% NO INICIO DO CURSO 2017/2018

A TRADESCOLA INCREMENTA O SEU ALUMNADO NUN 35% NO INICIO DO CURSO 2017/2018

Varios

tradescolaA TRADESCOLA, o centro de ensino da música, do canto e do baile tradicional galego xestionado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s en Lugo ven de iniciar un novo curso cun incremento de alumnado do 35%. A Tradescola traballa día a día na busca de xeitos de mellora para acadar os seus obxectivos finais, promocionar e transmitir a nosa música, o canto, o baile e outras tradicións culturais galegas apostando sempre pola educación como un dos piares fundamentais para a conservación, coñecemento e divulgación da nosa cultura.

Na Tradescola impártense aulas de gaita, zanfona, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, pandeira, percusión, requinta, e linguaxe musical ademais de aulas específicas para os máis pequenos.

Para impartir estas materias, a Tradescola conta no seu equipo docente con 10 prestixiosos mestres no eido da música e do baile tradicional. Os mestres e mestras implicados neste proxecto educativo son: Bruno Villamor (gaita e requinta), Mª Carmen Saborido (Linguaxe Musical), Paula Fdez. Rodríguez (acordeón), Xabier Iglesias (baile tradicional) , Cristina de Pardo Castro (aulas infantiles), Jose Manuel López (gaita) , Branca Villares (canto tradicional e pandeira), Roberto Rodríguez (canto tradicional), Suso Vaamonde (zanfona) e Miguel Anxo López Buján (percusión).

Dende o pasado curso esta escola incrementou o seu proxecto educativo cun novo itinerario que ten como finalidade proporcionar ao alumnado unha formación coa que garantir a cualificación dos futuros profesionais que serán quen de continuar coa transmisión e exposición do noso patrimonio. Este itinerario impártese paralelamente ás aulas xa existentes, que acollen semanalmente a preto de 300 alumnos, moitos deles chegados de outras provincias.

Outro dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da nosa música e da cultura tradicional galega na sociedade polo que, como en anos anteriores organizará durante o curso numerosos actos como charlas, exposicións, concertos, certames ou xornadas que achegan a numeroso público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, que ademais de ofrecer formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional na cidade de Lugo e arredores, achégase tamén ás distintas comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co mundo da cultura tradicional.