Sexta edición do Festival 27373 - Begonte - Lugo
Mércores, 02 Agosto 2017 07:26
A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Sexta edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 12 de agosto no Club Fluvial de Begonte (Lugo)que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.
O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s e ás familias. A partires das 12:00 comezan as actividades deportivas que estarán a cargo da empresa de Begonte Non Estreses, que vai ofrecer paseos en canoa pola marabillosa contorna do río Ladra (esta actividade prolongarase ata ben entrada a tarde).
A partires da unha a Asociación Cultural Bolboreta Fiandeira comezará a demostración de fiado de lá e liño, ademais da demostración de canto e música tradicional. A festa estará garantida durante a sesión vermú grazas ao grupo de música tradicional Son de Lugh, (programa Musiqueando pola Provincia de Lugo da Área de Cultura da Deputación de Lugo). Ademais terá lugar a presentación da cervexa oficial do festival, a 27373, unha cervexa de trigo e laranxa, elaborada nas instalacións de cervexas Aloumiña. Xa pola tarde, ademais dos paseos en canoa e as demostracións de fiado, a partir das cinco, comezará o VI Aberto de Billarda e tamén, a partir das cinco e en tres sesións diferentes, o espectáculo do Mago Antón, ¿Onde está o Mago Antón?, maxia de preto con novos e vellos trucos para toda a familia, (programa Música no Camiño da Xunta de Galicia). Agardemos que sexa un bo día para pasar a carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río ao tempo que se pode participar nas distintas actividades.
Pola tarde, a partir das sete e media, abrirán o festival o grupo Ezetaerre desde A Coruña, tres rapaces que fan rap combativo para non deixar a ninguén indiferente. Logo tocaralle o turno á agrupación Young Murajazz Big Band, pertencentes á escola de Música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, jazz cun repertorio variado e moderno. E para rematar, Airiños da Freba, un dos grupos revelación no panorama máis tradicional, festivos e verbeneiros, ideais para dar peche a esta sexta edición do 27373.
Non podes faltar!!!!!!