Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / "A tradición medieval" retorna a Ourense con Carlos Núñez

"A tradición medieval" retorna a Ourense con Carlos Núñez

Varios

carlosnunhezCarlos Núñez retorna a música medieval nos mosteiros de Santo Estevo de Rivas do Sil, Oseira e Santa María de Montederramo, en tres concertos que ofrecerá os días 27,28 e 29 de xullo cos instrumentos do Pórtico do Paraíso.

Os eventos, enmarcados na iniciativa "A tradición medieval", ten como obxectivo poñer en valor os instrumentos do Pórtico do Paraíso, para o cal, nos concertos utilizaranse réplicas dos instrumentos que aparecen nesta xoia escultórica da catedral de Ourense, "unindo música, tradición e estes enclaves únicos pola súa riqueza histórica e patrimonial da provincia de Ourense", explicou Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, quen destacou que este proxecto musical "é posible grazas ao labor de recuperación dos instrumentos do Pórtico do Paraíso realizada por Manuel Brañas e á sensibilidade dun gran compositor e investigador musical como é Carlos Núñez. A autenticidade do evento, o intérprete e os lugares onde se van celebrar estes concertos, son tres elementos que conflúen para darlle a estes concertos un carácter único e máxico".  

"Trátase de, a través da música, reivindicar a nosa identidade e o peso da cultura e da tradición dun pobo tan rico etnográfica e historicamente como o noso", explicou Baltar, quen subliñou que esta iniciativa de colaboración entre a Deputación de Ourense e Carlos Núñez vai continuar no vindeiro festival "Pórtico do Paraíso" con diferentes actividades, entre as cales figura un concerto que o músico ofrecerá na catedral de Ourense en marzo de 2018.

Pola súa banda, Carlos Núñez explicou que este proxecto "vai a axudarnos a darlle vida a todo ese patrimonio medieval musical, escrito en arte e pedra, o cal afortunadamente puidemos recuperar, e así poder ofrecer concertos en acústico en recintos históricos singulares como estes mosteiros, verdadeiros tesouros arquitectónicos". O repertorio que Carlos Núñez ofrecerá nestes tres concertos serán cantigas e melodías interpretadas por músicos durante séculos, sons que me devolven ás miñas orixes, sempre conectadas coa provincia de Ourense", afirma o músico.

Os concertos serán o 27 de xullo, ás 21.00 horas, no claustro dos bispos do mosteiro de Santo Estevo de Rivas do Sil; o día 28, ás 20.30 horas, na igrexa do mosteiro de Oseira, e o día 29, ás 21.00 horas, na igrexa do mosteiro de Montederramo. As entradas pódense adquirir na plataforma Ataquilla.com.

Fonte: https://infogauda.blogspot.com.es