XVIII Memorial Ricardo Portela
Mércores, 28 Xuño 2017 14:06
O venres 07 e o sábado 08 de Xullo de 2017 terá lugar na cidade de Pontevedra o Memorial Ricardo Portela. Este memorial organizado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s en colaboración co Concello de Pontevedra, que naceu hai 18 anos coa finalidade de honrar ao Gaiteiro de Viascón, firme defensor da dignidade da gaita e do gaiteiro e mestre recuperador da forma de interpretar este instrumento en toque pechado, adquire nesta edición un carácter especial por se cumprir no pasado mes de marzo o 25 cabodano do seu pasamento.
Por este motivo, nesta edición sumamos esforzos para facer un Memorial Especial, no que durante os dous días nos que transcorre, ademais da Mostra de artesanía de instrumentos tradicionais e das actuacións de escenario, as rúas de Pontevedra se convertan no referente da música tradicional, como centro reivindicativo da súa importancia na cultura de Galicia, e o faga inundando as súas rúas de tradición con 5 pasarrúas na tarde do venres e outros 5 durante toda a xornada do sábado, de xeito que cada persoa que transcorra pola cidade poida desfrutar da nosa música, e ademais ao xeito do Gaiteiro de Viascón, en toque pechado.
Queremos agradecer ao Concello de Pontevedra o seu compromiso coa nosa cultura, que fai posible coa súa colaboración e apoio que cada ano se poida seguir celebrando este Memorial.
Para a homenaxe deste ano queremos centrarnos exclusivamente na figura do Gaiteiro de Viascón, coa interpretación de pezas do Gaiteiro, da man dun dos gaiteiros que mellor retrata o xeito de tocar de Ricardo Portela, o gaiteiro Álvaro Novegil acompañado de Andrés Vilán. Tamén Ernesto Campos e Marcos Campos nun dúo de piano e gaita interpretarán 3 pezas do repertorio de Portela.
O para rematar as xornadas, contaremos coas actuacións no escenario da Ferraría de Tiruleque o venres e Os Carapaus o sábado.
Na Mostra de artesáns poderás coñecer a gran calidade do traballo de algúns dos mais recoñecidos constructores de intrumentos tradionais do noso país:
Xaneco Tubío, Oli Xiraldez, José Presedo, Alberto Pires, Queima, O Chilro, Foliqueiras, Afonso Castro, Diego Langarika, Lorena Reinaldo, Nebra e Cristóbal Prieto.
Programa completo:
Venres 07 de xullo (Praza da Ferraría)
De 17.00h. a 21.30h. - XV Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais
17.30h. a 20.30h. - Pasarrúas: Gaiteiros das Rías Baixas, Enxebres de Cacheiras, Seitura, Gomes Mouro e Berros do Castro
21.00h. - Concerto: Tiruleque
Sábado 08 de xullo (Praza da Ferraría)
De 11.30h. a 14.00h. e de 17.00h. a 21.30h. - XV Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais
De 11.30h. a 13.30h. e de 17.30 a 20.30h. - Pasarrúas: A. C. Picuiña, Os Carunchos, Lubicáns, Cántigas e Frores e Contracochenos
21.00h. - Homenaxe a Ricardo Portela:
Actuación de Álvaro Novegil e Andrés Vilán.
Actuación de Ernesto Campos e Marcos Campos (dúo piano/gaita).
21.30h. - Concerto: Carapaus
Fotos da presentación aos medios durante a mañá de hoxe no Concello de Pontevedra coa Concelleira Carme da Silva, e os directivos da AGG, Benito Queimaliños e Alberto Pires. E como non podia ser doutra maneira, rematamos a presentación coa interpretación de pezas do Gaiteiro de Viascón, tocadas por alumnos da A.C. Gaiteiros das Rías Baixas, que baixo as ensinanzas de Álvaro Novegil garanten que o futuro do toque pechado está asegurado.