Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / AGG / O IV Memorial Henrique Otero reunirá a mais de 150 interpretes para recordar ao “Gaiteiro do Fragoso”.

O IV Memorial Henrique Otero reunirá a mais de 150 interpretes para recordar ao “Gaiteiro do Fragoso”.

AGG

 cartel memorial henrique  otero11Non te perdas mañá sábado 22 de abril, este acto organizado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s coa colaboración dos Conservatorios Superior e Profesional de Música de Vigo e a Área de Cultura da Deputación de Pontevedra na honra do mestre Otero.
O evento será aberto ao público e terá lugar no auditorio do citado Conservatorio, sito na Rúa Manuel Olivié 23 – O Castro – Vigo ás 19.30 horas
A través deste memorial, a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s quere amosar un ano mais o recoñecemento do valor patrimonial que a vida e a obra do mestre Otero significa para a nosa cultura, e contribuír deste xeito ao redescubrimento constante da obra deste senlleiro personaxe da música galega.
Henrique Otero deixou no seu legado o seu traballo como impulsor do ensino académico da gaita (sendo o primeiro profesor da historia deste instrumento nun conservatorio). Foi o primeiro gaiteiro que editou un método para o seu aprendizaxe e o primeiro que logrou formar unha banda de gaiteiros na cidade olívica alá polo ano 1981. Foi tamén membro do grupo histórico ”OS CRUCEIROS” e deixou non menos de 250 composicións para gaita galega. Pero ademais Henrique deixou tamén outra gran herdanza na comarca de Vigo, o amor pola gaita galega e polo traballo ben feito, converténdose nunha ponte entre o gaiteiro rural e o gaiteiro urbano, entre o gaiteiro que foi e o músico que durante 40 anos formou parte da hoxe desaparecida banda municipal de Vigo.
Esta 4ª edición do Memorial Henrique Otero estará dedicada ás obras cantadas ou con letra do "Gaiteiro do Fragoso", unhas trinta do seu catálogo, o que comprende arredor dun dez por cento do mesmo e  das que imos a poder escoitar case a metade. No evento, que aglutinará a mais de 150 intérpretes, participarán Beatriz Riobó acompañada no piano por Alejo Amoedo e Nadia Vázquez á gaita, a Agrupación Folclórica Breogán de Moaña acompañada polo grupo folk Son do Río, Marina Fernández e Erick Feles, Os Carunchos, a Banda de Gaitas Raigames acompañada polo Coro galego do C.C. Abrente, Folk de Coiro con Marcos Castro, Abóbriga, O Orfeón mariñeiro do Berbés dirixido por Luís Prego, Os Carunchos, o Coro Cantares do Brión, Breogán de Moaña coas voces do grupo folk "O son do Río" dirixidos por María Xosé López, o grupo folclórico "Lembranzas galegas".... En definitiva, un evento único que reunirá arredor da figura do mestre voces, gaita, percusión, baile, pianos,... sen dúbida unha cita inesquecible e irrepetible.
Esta 4ª edición do memorial, ao igual que a 3ª volve celebrar ademais o encontro de novos gaiteiros “II Xuntanza folclórica da mocidade ‘Henrique Otero’”, que terá lugar o venres 12 de Maio ás 19:30 horas no Conservatorio Profesional de Música vigués, co que se quere facer unha conmemoración engadida que se ocupe dos máis novos no mundo da gaita galega e que este ano estará dedicado ó baile tradicional coa música de Henrique.