IV Memorial Henrique Otero
Martes, 04 Abril 2017 16:23
Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso, como el mesmo quería que o lembrasen, foi un personaxe clave para comprender e coñecer boa parte do mundo da gaita en Galicia, en particular en Vigo e a súa comarca. Foi un dos mellores expoñentes da tradición gaitística galega, figura de transición entre o gaiteiro rural tradicional e o gaiteiro urbano, pero tamén entre o gaiteiro de oído tradicional e o gaiteiro músico actual.
Son moitos os méritos que habería que recoñecerlle a este gran gaiteiro, pero sen dúbida, o que maior pegada deixou para o futuro foi o de conseguir que foran recoñecidos, por primeira vez na historia, os estudos oficiais de gaita galega polo MEC no ano 1977.
Froito das inquedanzas de darlle o recoñecemento que merece a unha figura tan importante para a música tradicional e o ensino da gaita galega, como foi o Mestre Henrique Otero Covelo, naceu no 2014, o primeiro memorial adicado a súa vida e obra cando se cumpría un ano do seu pasamento.
Catro anos despois chega a IV Edición do Memorial Henrique Otero, que se celebrará en Vigo o sabado 22 de abril de 2017. Concretamente terá lugar no Auditorio Martin Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo. (Rúa Manuel Olivié, 23 – O Castro – Vigo) a partir das 19.30 horas.
Os grupos participantes nesta edición do Memorial son:
ABÓBRIGA
AGRUPACIÓN FOLKLÓRICA BREOGÁN DE MOAÑA
GRUPO FOLC “O SON DO RÍO”
AGRUPACIÓN FOLKLÓRICA LEMBRANZAS GALEGAS
BANDA DE GAITAS RAIGAMES
CORO CANTARES DO BRIÓN
CONSERVATORIO PROFESIONAL DE MÚSICA DE VIGO
CONSERVATORIO SUPERIOR DE MÚSICA DE VIGO
CORO GALEGO DO C.C.ABRENTE DE MOS
FOLK DE COIRO
OS CARUNCHOS
ORFEÓN MARIÑEIRO DO BERBÉS
Dende a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s gustarianos contar coa vosa presencia, xa que consideramos que eventos desta importancia para a cultura galega, no que se interpretarán pezas inéditas de Henrique Otero, deben aglutinar as forzas do maior número de persoas, organizacións e entidades posibles para conseguir que este patrimonio cultural e o legado do mestre Henrique se difunda por toda Galicia e esté presente nas vindeiras xeracións.
Outro evento en memoria do Mestre, terá lugar o venres 12 de Maio ás 19:30 horas no Conservatorio Profesional de Música que acollerá o II Xuntanza folclórica da mocidade “Henrique Otero” o que quere ser unha conmemoración engadida que se ocupe dos máis novos no mundo da gaita galega.