Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / Azul de Bueu presenta o seu primeiro traballo discográfico no Teatro Principal de Pontevedra.

Azul de Bueu presenta o seu primeiro traballo discográfico no Teatro Principal de Pontevedra.

Varios

O vindeiro domingo 26 de marzo ás 12 a.m., en sesión matiné, Azul de Bueu presentará o seu primeiro traballo discográfico no Teatro Principal de Pontevedra.

azul de bueuAzul de Bueu é un proxecto musical interpretado por seis músicos de recoñecido renome da escena galega da música tradicional e o jazz onde os temas tradicionais son tratados dun xeito moi semellante ao que os músicos de jazz trataron as melodías e cancións populares americanas que acabaron por se converter en “standards”.

A partir das melodías da tradición vogal galega, Azul de Bueu quere amosar a súa proposta interpretándoas con cores harmónicas e tímbricas xenuinamente jazzísticas. Podemos falar dun auténtico jazz galego. Os puntais do proxecto son os ritmos, as melodías, as escalas, as harmonías, a improvisación e a flexibilidade formal. En todos estes aspectos Azul de Bueu atopou fortes e fermosos nexos de unión entre a tradición oral galega, o jazz e outras músicas modernas. Azul de Bueu é un proxecto de fusión onde se afonda no repertorio máis antigo e tradicional galego para introducilo no universo do jazz e a música moderna, sempre dende o respecto á tradición e o afán innovador.

Azul de Bueu son:

Sonsoles Penadique (voz, acordeón diatónico), Xosé Miguélez (saxo), Wilfried Wilde (guitarra), Alexandre Touceda (contrabaixo), Iago Fernández (batería) e Virxilio da Silva (dirección artística, guitarra).

Para este concerto de presentación Azul de Bueu contará con colaboracións como a da contacontos Vero Rilo e @s cantador@s e bailador@s de Traspés.