Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Varios / Dorothé Schubarth, premio honorífico dos IV Martín Códax da Música

Dorothé Schubarth, premio honorífico dos IV Martín Códax da Música

Varios

1142dorotheA Asociación Músicos Ao Vivo (MAV) ven de outorgar o premio honorífico dos Martín Códax da música a Dorothé Schubarth recoñecendo o seu labor de recollida do Cancioneiro Tradicional Galego

Segundo a directiva de MAV, “As novidosas achegas metodolóxicas de Dorothé Schubarth, a súa xenerosidade, a súa condición de muller intrépida e empoderadora doutras mulleres, así como o insuficiente coñecemento do alcance do seu legado por parte da sociedade galega, convértena na indiscutible merecedora do Premio Honorífico 2017 outorgado pola Asociación Músicos ao Vivo, que recollerá na gala de entrega dos IV Premios Martín Códax da Música, o vindeiro 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra”

Máis información premendo no título da nova.

Hai case corenta anos chegaba a Galicia de vacacións Dorothé Schubarth. Alguén lle falara da riqueza do noso folclore, sen esquecer referirlle a pobreza característica do noso país. A viaxeira era autora de destacados traballos sobre a música popular europea e, movida pola vocación, comezou a buscar as escasas recompilacións que existían no noso país sobre o tema. Ante esa insuficiencia, non o dubidou e comezou un traballo de colleita que se iría ampliando e enleando ata dar lugar, seis anos máis tarde, á publicación do "Cancioneiro Popular Galego", a máis importante recompilación do noso folclore musical, coñecida como a Biblia da música popular galega.

 

 

Dorothé Schubarth desempeñaba desde 1971 a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna, en Suíza. Desde este posto desenvolvera unha intensa tarefa de investigación da música popular europea, dedicándose especialmente á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así coma aos cancioneiros de Alemaña e de Francia. A partir deste material elaborou o volume “O Canto Popular en Europa”, que analizaba as formas que adoptaba a música do pobo ao longo do continente, e que foi publicado en 1978. Nese mesmo ano, chegou a Galicia e comezou a súa colleita segundo entrou no país, polo Cebreiro. Os seus coñecementos sobre a cultura musical galega e sobre a nosa lingua eran mínimos, e axiña se fixo evidente que precisaba de alguén para comprender os temas e transcribilos. Deste xeito entrou en contacto con Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Galega en Santiago de Compostela.

Xuntos comezaron un traballo de pescuda nos cancioneiros daquela editados no país, centrados no aspecto literario dos cantos e que non recollían a música, unha situación moi diferente da que Dorothé coñecera noutros países coma Alemaña. “Alá xa estaba en plena marcha todo o proceso de recollida e aquí practicamente había que comezar desde cero, pero xusto por iso era interesante, porque non é tan apaixonante andar detrás dos pasos de outros”. Por primeira vez, unha musicóloga emprendía a titánica tarefa de recoller o material do Cancioneiro Popular Galego, aplicándolle un método científico á clasificación e estudio dos temas.  Deste xeito, coa axuda intelectual de diferentes persoeiros da cultura do país, a profesora Schubarth iniciou o seu traballo sen ningún tipo de apoio económico. Sucesivas solicitudes á nacente Xunta e a unha das principais institucións de mecenado da época, a Fundación Barrié foron denegadas. A situación cambiou finalmente, gracias ás xestións de Santamarina. “Un informe de Filgueira Valverde sobre o seu traballo permitiu que desde a Barrié lle pasasen unha pequena axuda e se comprometesen a editar a obra”, lembra o filólogo. Unha axuda coa que a profesora viviu durante os cinco anos que durou o seu traballo. Oitenta e dous concellos da Autonomía e trece máis situados na zonas galegofalantes limítrofes foron visitados por Schubarth, que non conducía, facía o seu camiño a pé, en bus ou era levada dun lado a outro por conductores que ía coñecendo.  Iniciouse no galego a través dunha gramática de Carvalho Calero atopada nunha biblioteca; de calquera xeito recoñece que había moitas ocasións en que non entendía o que lle estaban dicindo. “Se non se entende hai que botar man da sensibilidade, dicir que si ou que non, é un comportamento que aprendes”. 

Como froito de todo este traballo, a profesora reuniu arredor de 5.000 letras diferentes que transcribiu Santamarina e que se viron obrigados a clasificar dalgún xeito. Seguindo os criterios empregados en Europa, realizaron unha organización temática das letras: cantos de oficios e labores, festas anuais, romances tradicionais, romances novos e outros cantos narrativos e dialogados, e, finalmente coplas diversas e cantos enumerativos. A esta grande clasificación temática acompañábaa unha ordenación da música segundo o seu xénero e atendendo a criterios coma o ritmo ou a cadencia.

No seu laudatorio, a Asociación de Músicos ao Vivo considera que “Dorothé Schubarth introducíu parámetros científicos de clasificación descoñecidos en Galicia e novidosas metodoloxías de traballo e de compilación de cantos de 38 zonas xeográficas de Galicia e limítrofes, perfectamente analizados e catalogados en 7 volumes que foron publicados en 1984 pola Fundación Barrié baixo a denominación de Cancioneiro Popular Galego e que representa a biblia da lírica popular galega. Dentro das novidosas aportacións de Dorothé debemos destacar o rexistro en audio das recollidas, fundamental na transmisión oral da nosa tradición, e sobre todo, o recoñecemento da importancia radical das informantes, facendo constar o seu nome en cadansúa transcrición. A grandeza da súa xenerosidade e a de Antón culmina coa cesión de todo o material, tanto o publicado coma o inédito, ao Arquivo Sonoro de Galicia para a súa disposición e consulta pública, e que representa arredor de 5.000 letras e 248 Cds coas gravacións orixinais en cinta dixitalizadas. Todo isto unido á súa condición de muller, intrépida e empoderadora doutras mulleres, así como o insuficiente coñecemento da transcendencia do seu legado por parte da sociedade galega, convértena na indiscutible merecedora do Premio Honorífico 2017, outorgado pola Asociación Músicos ao Vivo, que lle entregará o galardón na gala de entrega dos IV Premios Martín Códax da Música, o vindeiro 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra”.