XACARANDAINA CELEBRA O IV FESTIVAL SOLIDARIO DE NADAL
Xoves, 15 Decembro 2016 17:09
Tras o éxito dos anos anteriores, a Asociación Cultural Xacarandaina organiza o IV Festival Solidario de Nadal a favor da Cruz Vermella, o luns 26 de Nadal ás 18:30 horas no Centro Ágora da Coruña.
Neste acto actuarán os grupos infantís e xuvenís de baile, pandeireta e gaita tradicional da Asociación. Os grupos que aínda non tiveron tempo suficiente para compoñer os seus bailes ou pezas actuarán de igual xeito, participando no canto da panxoliña de nadal ao final do evento, que estará no programa de man da actuación para que o público asistente tamén poida participar.
Ademais da actuación dos grupos da Asociación Cultural Xacarandaina, o Festival contará, como invitado, o Grupo Queiroa de Mondego-Sada, que nos deleitará con varias pezas para o desfrute dos asistentes.
O Festival dará comezo ás 18:30 no que participarán todas as alumnas e alumnos da Asociación de 3 a 18 anos. As actuacións estarán repartidas entre grupos de baile, pandeireta e gaita, e no medio destas representacións actuará o noso grupo invitado de Mondego-Sada, aos que lle estamos enormemente agradecidos pola súa colaboración neste Festival Solidario. Para finalizar o evento contaremos coa representación conxunta de todos os grupos participantes de Xacarandaina e o grupo invitado cantando a tradicional panxoliña “Toca o pandeiro Manuel”. Mais info premendo na cabeceira da nova.
A entrada ao evento constará de comida envasada para bebé, produtos de hixiene infantil (cueiros, toalliñas húmidas, xel, cremas...), demandados pola propia entidade, que se recollerán, a partir das 18:00 horas, ás portas do auditorio, para seren doados á Cruz Vermella.
Con este acto, a Asociación Cultural Xacarandaina, coa colaboración desinteresada de todas as súas alumnas e alumnos, da Cruz Vermella, Gadis, Cabreiroá e, por suposto, do grupo Queiroa de Mondego pretende aportar unha pequena axuda aos máis necesitados.
De resultar do seu interese a posibilidade de contactar coa Asociación Cultural Xacarandaina, para recibir máis información, achegamos o teléfono da asociación:
Asociación Cultural Xacarandaina .............................................. 981 277 315
Correo electrónico .............................................................. Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo