Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A AGG amosa de novo o seu descontento ao ver que se incumpliu o manifestado o pasado ano en relación ás imaxes dos contedores de Ecovidrio

A AGG amosa de novo o seu descontento ao ver que se incumpliu o manifestado o pasado ano en relación ás imaxes dos contedores de Ecovidrio

Varios

 foto campaa ecovidrioLogo de que no outono do ano 2014 ECOVIDRIO organizase na cidade de Lugo a campaña "ecopatrullas para o San Froilán", na que aparecía a figura dun boneco cunha gaita escocesa nos contedores de vidro, a Asociación de Gaiteiros Galegos amosoulles o seu descontento polo desacerto á hora de elexir esta imaxe. Naquel momento, dende a Asociación de Gaiteiros Galegos envióuselles unha carta ofrecéndonos a asesoralos, pero non obtivemos resposta. O pasado ano, repetiuse a mesma imaxe...

A Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), envioulles de novo o día 6 de outubro de 2015, unha carta aos responsables das empresas que realizaron a campaña, e tamén ao gabinete da Consellería de Medio Ambiente informándolles do problema. Dende esta Consellería, puxéronse en contacto con responsables de ECOVIDRIO, e contestáronnos indicando que responsables de ECOVIDRIO manifestaban que nas sucesivas campañas utilizaríase a imaxe da gaita tradicional galega. * (texto íntegro da contestación máis abaixo)

Temos que lamentar que un ano máis nas festas do San Froilán aparezan de novo os contedores co boneco da gaita escocesa, incumplíndose o manifestado o pasado ano.

(*texto íntegro da contestación da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental ( Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio)

Bo día,

En resposta ao correo precedente quixera, en primeiro termo, agradecerlles a súa labor na promoción e defensa da gaita tradicional galega, facéndome partícipe da mesma no concreto suposto que me trasladan. 

A tal efecto, solicitei información sobre o problema plantexado aos responsables de ECOVIDRIO, quenes me informan de que a inclusión dunha imaxe que non se corresponde coa da gaita tradicional galega na campaña para a promoción da reciclaxe levada a cabo na cidade de Lugo durante as festas de San Froilán, debeuse á reutilización dos contedores que xa foran empregados -coa citada imaxe- na campaña desenvolvida no 2014, en liña cos valores a prol da reutilización e a reciclaxe que dita entidade promove. Porén, ditos responsables me manifestaron que en sucesivas campañas utilizarase a imaxe da gaita tradicional galega, como se fixo na campaña desenvolvida no Concello do Grove (achégase imaxe a título ilustrativo).

Confiando en ter despexado á súa inquedanza, reciban un cordial saúdo.

Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Dende a AGG loubase que se promocione e fomente a presenza da música tradicional, pero o feito de que aparezan imaxes que non se corresponden coas nosas tradicións neste tipo de campañas, mostra unha falta de coñecemento do que é a nosa cultura, e pode provocar confusións.

A AGG ofrece de novo o asesoramento e toda a información da que dispoñemos para axudar a que sempre que se fagan campañas en Galiza, se utilicen imaxes de instrumentos galegos e non outro tipo de instrumentos como sucedeu nas citadas campañas, e solicita que se utilicen os contedores coa imaxe da gaita tradicional galega.