Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A ASOCIACIÓN DE GAITEIR@S GALEG@S AMPLÍA O PROXECTO DA TRADESCOLA COA POSTA EN MARCHA DUN NOVO ITINERARIO PROFESIONAL

A ASOCIACIÓN DE GAITEIR@S GALEG@S AMPLÍA O PROXECTO DA TRADESCOLA COA POSTA EN MARCHA DUN NOVO ITINERARIO PROFESIONAL

Varios

 

cartaz tradescola novoitinerario-01 - peqA Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) traballa día a día na busca de xeitos de mellora para acadar os seus obxectivos finais, promocionar e transmitir a música, o canto, o baile e outras tradicións culturais galegas. As nosas tradicións forman parte da nosa riqueza cultural e é o noso deber como pobo conservalas e dalas a coñecer. Conscientes disto, a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG), como entidade sen ánimo de lucro que traballa en prol da cultura tradicional galega dende o ano 1988, comprende a necesidade de apostar pola educación como un dos piares fundamentais para a conservación, coñecemento e divulgación da nosa música.

Froito deste traballo, a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s ampliará no vindeiro curso o proxecto da Tradescola (escola de música, canto e baile tradicional xestionada pola AGG na cidade de Lugo) coa posta en marcha dun novo itinerario profesional que terá como finalidade proporcionar ao alumnado unha formación coa que garantir a cualificación dos futuros profesionais que serán quen de continuar coa transmisión e exposición do noso patrimonio. Este novo itinerario impartirase paralelamente ás aulas xa existentes, que continuarán como en anos anteriores.

Para conseguir estes obxectivos, organízase un Plan de Estudos no que se estipulan dous Ciclos, onde se organizan as asignaturas comúns e instrumentais, así como os cursos dos que constan ditos estudos.

A finalidade do 1º Ciclo é promover a autonomía do alumnado para que a súa capacidade de expresión musical e do movemento adquira a calidade que permita acceder ao 2º Ciclo, dirixido este máis á comprensión, práctica en conxunto e especialización.

Será no vindeiro mes de outubro cando a Tradescola poña en funcionamento este novo itinerario, que constará dun primeiro bloque de 4 cursos de nivel elemental (para nen@s a partir dos 8 anos) ,e dun segundo bloque con outros 4 cursos de nivel profesional (idade mínima 13/14 anos) ao que se poderá acceder mediante unha proba.

Máis información premendo no título da nova

 

No curso 2016/2017 poñerase en funcionamento o primeiro dos cursos de cada bloque, que constará das seguintes materias:

1º Curso - Bloque de nivel elemental: Nen@s a partir dos 8 anos.

Constará de dúas materias:

  • Instrumento principal /ou voz/ou baile
  • Linguaxe musical, educación auditiva, e cantos, xogos, bailes e iniciación á percusión.

1º Curso - Bloque de nivel profesional: Acceso mediante proba.

Constará de catro materias:

  • Instrumento principal (1/2 hora individual) ou Voz (1hora colectiva) ou Baile (1 hora e media colectiva)
  • Ritmos e Xéneros da Música Tradicional. Repertorio instrumental e cantado. Clasificación e Análise (1 hora colectiva)
  • Canto tradicional, baile ou instrumento (dependendo de cal sexa o instrumento principal) (1 hora colectiva)
  • Conxunto instrumental (1 hora colectiva)

Para obter máis información sobre o novo itinerario podese poñer en contacto coa Tradescola no teléfono 982229966, no mail Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou nas súas oficinas da Rúa Pintor Corredoira nº 4 – Lugo (LUG2).