Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Festivais, Foliadas, Romarías / Setenta e seis alegres anos de música tradicional

Setenta e seis alegres anos de música tradicional

Festivais, Foliadas, Romarías

 os alegresOs Alegres é o grupo de música tradicional en activo máis veterano de Galicia. No 2014 conmemoraron as súas vodas de platino e este ano celebrarán o seu setenta e seis aniversario co mesmo entusiasmo, facendo o que mellor saben: cantar, bailar e tocar. Farano nun festival, que se celebrará mañá, 14 de novembro no Teatro Principal, xunto a outros grupos de toda a comunidade que traballan incansablemente como eles pola recuperación, conservación e divulgación do folclore popular. Dionisio Aboal lidera esta agrupación pontevedresa, que fundou o seu pai, Alejo Aboal, o gaiteiro de Mourente, en 1939. Foi o inicio dunha saga familiar que xa vai pola súa cuarta xeración, como herdeira da máis pura tradición gaiteira e o afán de seguir transmitindo desde o maior respecto interpretativo aos vellos mestres. Os seus directos e a súa discografía acredítano.

(Prema no título para ler a nova completa)

Lutier recoñecido
Dionisio fíxose cargo da agrupación en 1974 e aí arrincou outra das grandes facetas de Os Alegres, non só de recuperación do folclore galego, senón tamén dos instrumentos tradicionais que fabrican no seu propio taller e que fan que soen por todo o mundo artistas tan importantes como Carlos Núñez, Mercedes Peón ou Carlinhos Brown, ademais doutros profesionais e grupos non tan famosos, pero para eles igual de importantes. «Cando eu herdei o grupo do meu pai, en Pontevedra non había ningún artesán de instrumentos e foi o finado de Poceiro, músico profesional, quen me ensinou a montar un tambor para min», conta Aboal. Así empezou como luthier, «para autoconsumo, para reparar os nosos propios instrumentos». Unha afección que foi crecendo ata converterlle nun recoñecido artesán de gaitas, tamborís, pandeiros, pitos, frautas, zanfoñas.... Di Dionisio que ao principio non tiña nin idea disto, pero axudoulle o traballar antes de carpinteiro, torneiro e tamén de fontaneiro, «porque eu nesta vida fixen de todo, ata de repartidor de pan e xerente dunha tinturería». Pero a súa paixón pola música puido con todo.

O festival
O festival de música tradicional de Os Alegres, que cada ano organizan no Principal polo seu aniversario, será un recoñecemento aos oito grupos convidados nesta ocasión: Carambainas, Ghalos do Curral, Maínas, Juan Ruibal, Os Trazantes de Tenorio, Nós Tamén Imos, Trío Loureiro Miguelez e Fol-K de Coiro. Ademais, a agrupación de Dionisio Aboal homenaxeará o día 14 no Principal a Manuel Alonso e Xosé María Gutiérrez, percusionistas de Noitarega. Na gala, de acceso libre e gratuíto ata completar aforamento, tamén serán distinguidos dous pontevedreses que ao longo dos anos foron importantes colaboradores de Os Alegres dende distintos ámbitos, a xornalista Meli Fandiño e o impresor Celestino Peón.

http://www.lavozdegalicia.es