Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Festivais, Foliadas, Romarías / Os grupos de música tradicional de Vilalba impulsan unha foliada para as festas patronais

Os grupos de música tradicional de Vilalba impulsan unha foliada para as festas patronais

Festivais, Foliadas, Romarías

cartel foliada vilalbaA música dos grupos de Vilalba encherá a Praza de Santa María nunha foliada que se celebrará hoxe xoves 3 de setembro a partir das nove da noite. Os protagonistas deste evento cultural serán os propios organizadores: Buxos Verdes, Entre Lusco e Fusco, a Asociación Cultural de Andrade, a banda de gaitas Mato Vizoso e as asociacións de veciños de Nete e Sancovade que veñen de comezar a súa andaina na música tradicional fai uns meses. Pero, tamén participará Bloquinho de Xermolos ofrecendo unha batucada como broche final.

(Prema no título para ler a nova completa)

A iniciativa corresponde a “un desexo de fomentar a cultura galega nun lugar onde a tradición neste tipo de música goza dun forte arraigamento e cada día conta con máis veciños e veciñas implicados e con gañas de amosar o feito ao longo do curso nas festas da súa vila. Neste punto é onde conflúen todos os grupos, ao ter considerado de grande importancia seguir facendo polo menos unha foliada ao ano no casco histórico de Vilalba”.

Por todo, os grupos de música animan a todos os vilalbeses e vilalbesas a que se acheguen a escoitar e participen, esperando a máxima asistencia e entrega para cumprir co obxectivo principal: “pasar un bo anaco e dar o espazo que merece á música galega e aos músicos vilalbeses”.

Programa
As pandereteiras e gaiteiras e gaiteiros de Andrade serán os encargados de dar comezo, seguidos polas asociacións de veciños de Nete e Sancovade, que cantarán algunhas cantigas tradicionais. Ás dez da noite, actuarán os Buxos Verdes, que precederán á banda de gaitas Mato Vizoso, con media hora de actuación aproximada por cada agrupación. Ao redor das once, porá fin á foliada Entre Lusco e Fusco; mentres que, o remate da festa correrá a cargo da batucada con Bloquinho de Xermolos.

http://www.terrachaxa.com