Festifolk Costa da Morte
Xoves, 18 Xuño 2015 13:04
Unha cita pioneira pretende amosar o potencial da música tradicional da comarca máis occidental de Galicia e sobre todo da gaita, o instrumento máis característico bisbarra: o Festifolk Costa da Morte. Este festival celebra a súa primeira edición reunindo en Carballo ao maior número posible de gaiteiros para mostrar toda a forza da música tradicional e, dalgunha maneira, visualizar e homenaxear a todos cantos dedican o seu tempo libre a continuar dándolle vida á tradición, a potenciala e anovala. Respecto do programa, está previsto que as actividades comecen ás 16.30 horas co desfile de todos os gaiteiros e gaiteiras polas rúas principais de Carballo. Todos interpretarán tres pezas previamente consensuadas con todos os grupos. Unha vez rematado o percorrido, ás 18.30 horas, entregarase o premio ao Gaiteiro do Festifolk. Xusto a continuación, todos os gaiteiros concentrados na Praza do Concello interpretarán ao unísono os tres temas que xa tiñan interpretado polas rúas de Carballo, xunto coa Marcha do antigo reino de Galicia. Ás 22.00 horas iniciarase o festival nocturno, coa actuación de Birimbao, que rematará o seu concerto ás 22.45. E será ás 23.00 horas cando comece a súa actuación Luar na Lubre, nunha xornada de música e festa dedicada por enteiro aos sons galegos de raíz.