Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / "A música tradicional galega é unha referencia en Europa"

"A música tradicional galega é unha referencia en Europa"

AGG

xaneco sermosQuen non berrou aquilo de "quero ser gaiteiro"? Galiza ri e chora ao son da gaita, dicía Manuel María. De  música tradicional fálanos Xaneco Tubío, coordenador do A Fondo, que conxuntamente co Sermos Galiza estará nos quiosques esta quinta feira.

-Cal é a importancia dun A Fondo sobre a música tradicional e, en especial, sobre o mundo da gaita, tendo en conta o contexto mediático actual?

-A música tradicional, aínda estando presente no cotián da vida da maioría das bisbarras galegas, ocupa moi pouco espazo mediático en relación á importancia que ten na vida cotiá d@s galeg@s.

-A que cres que é debido?

-As grandes empresas de comunicación aínda seguen a ver a música tradicional, en moitos aspectos, con esa pequenez do toque folclórico das provincias do estado. Os cánones do que se considera a cultura importante non cambiaron practicamente dende o franquismo. A música tradicional por excelencia no estado é o flamenco. O resto  non existe. Se morre un artista flamenco, magnifícase pero se falece un gaiteiro dos que leva 50 ou 60 anos facendo festas e tocando a nosa musica tradicional, en Madrid non se fai mención e aquí a repercusión é moi pouquiña. Á música tradicional galega e á gaita, nos estándares dos grandes grupos de comunicación e nos circuítos oficiais culturais, non se lle dá a categoría artística que ten.

-Como decidistes enfocar este A Fondo?

-Por unha banda, aproveitando que a Asociación de Gaiteiros Galegos viña de facer os 25 anos, vimos que era unha oportunidade para ver as achegas da entidade no grande universo da música tradicional. Por outra, puxémonos en contacto con xente de diversos ámbitos nos que a música tradicional está presente, algúns con moi boa saúde e outros, con non tanta. Tal é o caso do ensino regrado, no que a música tradicional non ten a presenza que debera ter, malia a que calquera estudo etnomusicolóxico serio indica que o primeiro contacto do alumnado coa música na escola debera ser a través da súa propia música tradicional. Pouca xente sabe, por exemplo, que pode obter o título profesional de gaita no conservatorio de Vigo. Reparamos tamén en aspectos como o traballo das asociacións e a historia da gaita, que se descoñece.

    "En calquera cultura normalizada, os estudos de investigación etnográfica ou musicolóxica fainos a universidade. Aquí carecemos de departamentos que se dediquen a iso."

-Por que ese descoñecemento da historia da gaita?

-En Galiza estase a construír o presente sen ter en conta o pasado. En calquera cultura normalizada, os estudos de investigación etnográfica ou musicolóxica fainos a universidade. Aquí carecemos de departamentos que se dediquen a iso. Os estudos que se fan sobre o folclore son de investigadores a título particular ou proveñen dalgunha bolsa das fundacións. Asturias, que é un territorio moito máis pequeno con moita presenza da gaita pero sen comparanza coa que ten no noso país, conta cun museo da gaita e con cartos da administración para estudar ese tema, e aquí non temos nin sequera un apartado de ningún dos museos que se dedican á musicoloxía. Coa cantidade de entidades que hai dedicadas ao ensino da música tradicional, a propia Consellaría tería que terlle emprestado máis atención. A música tradicional galega é unha referencia hoxe en día en Europa pola cantidade e calidade d@s instrumentistas, das agrupacións e dos artesáns e artesás.

- Como se amosan as carencias no apoio por parte da Administración?

-A Fundación SondeSeu fixo hai uns anos no país unha enquisa para saber cantos puntos había de ensino de música tradicional, e o resultado sorprendeu: sobre 900 centros, sobre 600 persoas que se dedicaban a dar aulas e 24.000 alumnos e alumnas, moito máis que nos conservatorios do país, e xente nova, ademais. Todo este traballo era labor de asociacións, e o apoio institucional representaba cerca dun 30 por cento. É a sociedade a que apoia fundamentalmente que os nenos e as nenas vaian aprender a tocar os instrumentos. Debera haber máis apoio.

    "Coa cantidade de entidades que hai dedicadas ao ensino da música tradicional, a propia Consellaría tería que terlle emprestado máis atención."

-Nun mundo cada vez máis urbanizado, as dificultades para o desenvolvemento da música tradicional son maiores?

-Non necesariamente. Iso vai parello coa desruralización do país. Hai 30 anos, nas aldeas había escolas unitarias cheas de pequenos. Hoxe nin en cada concello enches unha no rural. O lóxico e o normal é que a música tradicional siga viva alí onde hai máis poboación. Na cidade se cadra o ambiente é máis hostil cara ao galego, pero é máis fácil que se creen asociacións e dinámicas ca no rural, pola falta de poboación.

-Que persoas colaboran neste A Fondo?

-Son persoas todas elas da xeración que comezamos nos anos 80 a aprender e nos 90 saímos a tocar. É toda xente que aprendeu naquelas asociacións culturais e que hoxe está traballando no ámbito da música tradicional nun dos apartados que escollemos para o A Fondo. No ensino obrigatorio, abórdase a música tradicional, non porque se programe oficialmente dende a Consellaría, senón grazas a moitos daqueles rapaces que aprenderon a tocar a gaita e que despois se fixeron mestres de música. Xosé Miguélez é o primeiro titulado profesional de gaita e agora é profesor no Conservatorio. Pablo Carpintero é tamén investigador. Luis Prego leva centos de horas gravando xente maior, recoñecendo os puntos de baile, e está moi cerca dos fenómenos nos seráns que se recuperaron dende hai 20 anos. E dende a Asociación de Gaiteiros Galegos pretendemos dar a coñecer a nosa achega a todo este universo.

Fonte: http://www.sermosgaliza.gal