Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Deput. Pontevedra / A AGG DESMINTE CALQUER TIPO DE PACTO COA DEP. DE PONTEVEDRA

A AGG DESMINTE CALQUER TIPO DE PACTO COA DEP. DE PONTEVEDRA

Deput. Pontevedra

Despois de ler certas novas aparecidas na prensa, a AGG emite o seguinte comunicado que ven de ser remitido a todos os xornais.

A ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS DESMINTE CALQUER TIPO DE PACTO OU PRINCIPIO DE ACORDO COA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

O pasado xoves 28 de abril de 2005 tivo lugar unha primeira reunión, na Deputación de Pontevedra, á que asistiron, por unha banda, o Deputado José Juan Durán Hermida (Vice–Presidente da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra e Presidente da Comisión Informativa de Cultura), o Xefe de Servizo da Área de Cultura, e pola outra, Santiago Caneiro, Iván Area e José Presedo.


Mais información

Despois de ler certas novas aparecidas na prensa, a AGG emite o seguinte comunicado que ven de ser remitido a todos os xornais.

A ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS DESMINTE CALQUER TIPO DE PACTO OU PRINCIPIO DE ACORDO COA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

O pasado xoves 28 de abril de 2005 tivo lugar unha primeira reunión, na Deputación de Pontevedra, á que asistiron, por unha banda, o Deputado José Juan Durán Hermida (Vice–Presidente da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra e Presidente da Comisión Informativa de Cultura), o Xefe de Servizo da Área de Cultura, e pola outra, Santiago Caneiro, Iván Area e José Presedo.

A reunión unicamente pode ser cualificada como unha primeira toma de contacto, na que se comentaron, de xeito directo e persoal ao antedito Deputado, os distintos problemas detectados en relación co Convenio asinado pola Deputación Provincial de Pontevedra e a Asociación Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra, co respaldo de catrocentos colectivos e asociacións que levan anos traballando en defensa da música tradicional.

Desde o primeiro intre deixouse clara e enerxicamente que a disconformidade co actual convenio é absoluta, polos problemas de forma e de fondo detectados no mesmo, entre os que destacamos os seguintes:
1. Este tipo de Escola deixará unha provincia “plana”, eliminando toda a diversidade de matices e variedade musical existente na actualidade nunha das provincias con maior riqueza. Ademais, comentouse o froito do traballo da mal denominada “Escola de Gaitas da Deputación de Ourense”: arrasou con todo o folclore de dita provincia. Ao noso entender, non debera ser lembrado o Deputado José Juan Durán por ser o artífice e precursor dunha situación similar na Provincia de Pontevedra.
2. Expresamos os nosos temores ao ensino de ornamentación non galega e menos aínda, da provincia de Pontevedra, tanto a nivel de gaita canto a nivel de percusión.
3. Expresamos a nosa disconformidade co tipo de alumnado ao que se lle está unicamente a ofertar: rapaces entre 10-15 anos. Desta maneira deixan entrever o seu obxectivo principal: crear bandas de gaitas. Escola de gaitas non é sinónimo de banda de gaitas, nunha escola de gaitas o obxectivo fundamental é ofrecer unha formación completa e integral a gaiteiros, gaiteiras e percusionistas de música tradicional.
4. Non ter, a Asociación Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra, actualizados os Estatutos dacordo coa Lei 1/2002, de 22 de marzo, e o regulamento 1497/2003, de 28 de novembro. Daquela, segundo numerosas consultas realizadas, todas elas coincidentes, esta Asociación non pode ser declarada de utilidade pública e, en consecuencia, recibir subvención algunha.
5. No Artigo 21 dos Estatutos da antedita (e legalmente inexistente Asociación) indicase que o seu orzamento anual non superará os 3 millóns de pesetas. Daquela, non é preceptivo unha subvención de 90.000 euros.

Por cada un dos puntos de non conformidade solicitamos de xeito repetido e insistente a non continuidade do convenio na actual forma, así como a reconducción do mesmo dun xeito que poida ser satisfactorio para o inmenso colectivo de colectivos, grupos e asociacións que apoian o manifesto–comunicado que pode ser consultado en www.gaiteirosgalegos.com/xoops

Coa documentación que lle fixemos chegar a D. José Juan Durán Hermida en relación coa antedita Asociación, requerirán informe á Asesoría Xurídica da Deputación.

Ademais, requeriron a presentación dun proxecto na liña de ensino de música tradicional. A este nivel indicar que en breve espazo de tempo será presentado un proxecto no que serán tidos en conta, de xeito fundamental, a todas aquelas asociacións e colectivos que levan anos de traballo pola música tradicional na Provincia de Pontevedra.

Finalmente, insistir en que a Asociación de Gaiteiros Galegos mantén o seu parecer firme e sólido na necesidade de non continuar o actual convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e a Asociación Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra por todas as razóns indicadas, non habendo ningún tipo de acordo ao respecto entre ambas partes.