25 ANIVERSARIO DO PARLAMENTO DE GALICIA
Luns, 25 Decembro 2006 23:27
Ante á polémica suscitada a raíz da música que se utilizou no acto de 25 aniversario do Parlamento de Galiza, a Asociación de Gaiteiros Galegos manifesta o seguinte:
As actuacións musicais nos actos de conmemoración dos 25 anos do parlamento galego e as declaracións públicas xeradas a posteriori demóstranos que non temos unha clase política normalizada na nosa cultura. Nun país cunha clase política orgullosa da súa cultura ninguén con capacidade para decidir sobre a organización dos actos de conmemoración dos 25 anos do noso parlamento, se atrevería a propoñer un acto onde se interpretan cancións galegas coas formas musicais do folclore andaluz. Porque así foi o que a conteceu ese día.
Na música hai formas de interpretación que son froito de séculos de traspaso xeneracional da oralidade. Estas formas son as que caracterízan a cultura musical dun pobo. E no caso de Galiza é indiscutíbel que temos na música tradicional, unha das máis diversas e vivas do mundo enteiro. Non é comprensíbel que se fuxa dela para tal conmemoración.
Ver Artigo completo.
Ante á polémica suscitada a raíz da música que se utilizou no acto de 25 cabodano do Parlamento de Galiza, a Asociación de Gaiteiros Galegos manifesta o seguinte:
As actuacións musicais nos actos de conmemoración dos 25 anos do parlamento galego e as declaracións públicas xeradas a posteriori demóstranos que non temos unha clase política normalizada na nosa cultura. Nun país cunha clase política orgullosa da súa cultura ninguén con capacidade para decidir sobre a organización dos actos de conmemoración dos 25 anos do noso parlamento, se atrevería a propoñer un acto onde se interpretan cancións galegas coas formas musicais do folclore andaluz. Porque así foi o que a conteceu ese día.
Na música hai formas de interpretación que son froito de séculos de traspaso xeneracional da oralidade. Estas formas son as que caracterízan a cultura musical dun pobo. E no caso de Galiza é indiscutíbel que temos na música tradicional, unha das máis diversas e vivas do mundo enteiro. Non é comprensíbel que se fuxa dela para tal conmemoración.
A raíz dunhas supostas declaracións da Presidenta do Parlamento Galego que decían:
“Nin a guitarra é andaluza nin a gaita é galega”...
Queremos dicir : ten vostede toda a razón, a guitarra non é un instrumento andaluz pois está presente na maioría dos folclores peninsulares, aínda que nos do noroeste con moitísima menos forza que nos da meseta e levante. O que si é andaluz é un xeito determinado de tocar a guitarra e unha maneira determinada de cantar. Non se trata do instrumento Sra. Villarino, senón do xeito de interpretar un símbolo de Galiza, o noso Himno.
Basta xa, de que os nosos políticos se avergoñen da nosa identidade. A integración progresiva de tódalas culturas neste mundo globalizado non pode pasar pola difuminación das súas personalidades en favor de trazos arbitrariamente escollidos dende o gusto por esta o aqueloutra música. Moi ao contrario, é responsabilidade de todos conservar as nosas diferenzas culturais (idiomas, músicas, instrumentos, traxes, xeitos de cultivar a terra, ...) pois son elas as que aportan riqueza á cultura humana e quizais algún día precisemos desa variabilidade para a supervivencia, o que xa sucedeu moitas veces ao longo da historia da especie humana.
É asombroso que dende as máis altas estruturas do poder político galego, dende os órganos que representan, ou deberan representar á galeguidade, asistamos sistematicamente á potenciación do autoodio. Lembremos o caso da Banda da Deputación de Ourense que nos quixo convencer de que as gaitas escocesas (e non nos referimos aos instrumentos senón ás formas, aos xeitos, ás maneiras de interpretar,...) eran mellores que as propiamente galegas.
É absolutamente denigrante escoitar alalás aflamencados, un xeito tan propio e dunha beleza tantas veces louvada por propios e alleos dende hai case dous séculos, non merece ser cantado con cadencias e modos flamencos dentro dun acto no que se pretende conmemorar os 25 anos do autogoberno GALEGO, moito menos ser interpretado cun instrumento que lle é absolutamente alleo. Non se pode confundir a beleza artística coa representatividade dun símbolo, alalás, gaitas de fol galegas e o noso Himno son símbolos que nos identifican como galegos/as.
Preferimos non entrar a valorar os coñecementos musicais deste ou daquel outro persoeiro/a político/a, que seguro que os teñen, mais deixemos estas nocións en mans dos técnicos e dos especialistas, que para iso están.
A Asociación de Gaiteiros Galegos, co obxecto de normalizar á presenza da música tradicional en todos os actos institucionais do Goberno e do Parlamento, ofreceuse ao Presidente da Xunta para elaborar un proxecto de protocolo para utilización da nosa música nos actos institucionais. Só a Vicepresidencia da Xunta aceptou esa colaboración. Desde o Parlamento de Galicia non se contactou en ningún momento coa Asociación de Gaiteiros Galegos, co obxecto de axudar a deseñar o que sería un dos actos centrais do vixésimo quinto aniversario do Parlamento de Galicia, no seu Pleno Extraordinario. Con certeza teriamos proposto intervencións musicais que serían de absoluto consenso entre as forzas políticas e para a sociedade galega que é, ao fin, quen máis debera celebrar esta onomástica. Máis aínda, teriamos proposto intervencións musicais cun orzamento moitísimo menor. E, por suposto, somos sabedores do riquísimo elenco de músicos que temos no país e dos seus múltiples e variados estilos.
Se a quen organizou semellante acto lle parece que a gaita de fol galega non é o suficientemente digna para acompañar ao noso himno, se a tanto chega o seu autodesprezo, se tanta vergoña sentiu por ser galego/a, se lle pareceu que para ser moderno precisaba borrar, adulterar ou modernizar símbolos, polo menos que acompañara o noso himno con algo neutro como unha boa orquestra sinfónica, unha digna coral ou mesmo unha boa banda de música, que de todo temos aquí en Galiza, sen ter que botar man de folclores alleos.
Desde a Asociación de Gaiteiros Galegos lamentamos que pouco máis transcendera que as intervencións musicais. Daquela, ¿cal é o alcance político deste acto? Pois se foi o que estamos a falar, mellor sería deixarnos de aniversarios e dedicar os esforzos a outras tarefas, como pode ser o desenvolvemento da lei de símbolos de Galicia do ano 1984 sobre a que a Asociación de Gaiteiros Galegos ten distintas achegas que suxerir. Cómpre diferenciar neste aspecto o que é un acto institucional, como o devandito Pleno Extraordinario, onde é necesario respectar a lexislación vixente (lei de símbolos de Galicia) do que poden ser os gustos que a nivel particular poida ter cada representante do noso Parlamento, que de seguro son ben variados. ¿Ou é que a partir de agora vanse autorizar variantes da nosa bandeira segundo o gusto do político de turno?
A este respecto, houbo un aspecto nos discursos que puidemos escoitar neste acto conmemorativo que nos chamou poderosamente a atención: a coincidencia de todos/as vostedes no feito de que Galiza se acha na vangarda. Non sabemos a que vangarda se refiren, aínda que unha cousa si sabemos de certo: unha das poucas cousas, senón a única, na que Galiza poder marcar unha diferenza notable co resto dos países do mundo é na conservación e orixinalidade da nosa música tradicional. Esa manifestación da que vostedes se avergoñan constitúe, ao fin, unha das moi pouquiñas vangardas galegas.
Ogallá esta discusión sirva para que as tres forzas políticas representadas no noso parlamento se decaten de que a nosa música tradicional non é un patrimonio partidario, e que deixen de esforzarse en como organizar actos musicais, en conmemoracións de solemnidade que os diferencien a unhos dos outros. Por favor, deixen de experimentar con importacións alleas para a nosa música. O seu deber é poñerse á altura das clases populares de Galiza que foron quen mantiveron vivas e vigorosas as nosas tradicións musicais.
Por último só engadir que a gaita non é galega, non señor/a, hai centos de gaitas por todo o mundo, pero a gaita de fol galega si que o é, e iso significa morfoloxía, xeito, repertorio e modismos, xustamente o que nos define como galegos/as e o que deberiamos mimar, agarimar e non desprezar