Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / AGG / I Congreso de Ensinantes de música tradicional galega

I Congreso de Ensinantes de música tradicional galega

AGG

Os pasados sábado, 18 e domingo, 19 de novembro tivo lugar, no Auditorio de Galicia en Santiago de Comostela, o I Congreso de Ensinantes de Música tradicional Galega. O evento foi organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos en colaboración ca ASPG e a CIG Ensino, e foi patrocinado pola Dirección Xeral de Creación de Difusión Cultural da Xunta de Galicia e a Concellería de Cultura do Concello de Santiago. Tamén colaboraron o Auditorio de Galicia e as tres Universidades Galegas.

O acto inaugural foi presidido pola Conselleira de Cultura, dona Ánxela Bugallo que estivo acompañada polo Presidente da ASPG, o Secretario Nacional de CIG-Ensino, o Vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, o Vicerreitor de relacións Institucionais da Universidade de Vigo e o Presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos.

Foi, a todas luces, un fito histórico que resultou un grande éxito, non só pola calidade dos relatores e compoñentes das mesas redondas, senón tamén pola cantidade de congresistas inscritos, máis de dous centos, que asistiron con grande interese aos debates e relatorios que se programaron.

A Asociación de Gaiteiros Galegos pretende, a non tardar, publicar as actas para constancia e espallamento do que alí se tratou e, dado o grande interese dos congresistas, comezar xa a traballar na organización do segundo.

Queremos agradecer publicamente ás institucións que colaboraron para levar adiante este complexo proxecto, ós relatores, participantes en mesas e congresistas, a súa amabilidade e bo facer, que contribuíron a que todo o congreso se desenvolvera nun excelente clima de traballo.


Ver Fotos.