Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Concursos e Certames / Fito histórico

Fito histórico

Concursos e Certames

O martes 21 de novembro de 2006 tivo lugar un fito histórico no mundo da música de gaita do noso país. Ás 20 horas comezou o concerto de Xosé Lois Miguélez Saínza, no que durante o tempo de duración amosou múltiples posibilidades interpretativas da gaita galega. O programa estivo composto por un abano de ritmos e estilos musicais que permitiron a este virtuoso do instrumento entusiasmar ao público asistente así como, á vista da cualificación, ao tribunal encargado de valorar a súa interpretación.



No concerto, dividido en tres partes, Xosé Lois Miguélez interpretou na primeira delas un alalá, da súa autoría, a ribeirana de Ventosela e Blanca e Negra, do xa clásico Ricardo Courtier. Na segunda, Apaixoada e ‘Arreguiço’ de Paulo González, o estreo do ‘Dúo para gaitas para o primeiro concerto de fin de carreira’ de David Bellas, e a Ghota da Mosca de Ernesto Campos. Na primeira e na segunda parte estivo acompañado por músicos da categoría de David Bellas, Rafa Crespo, Paulo González, Lucía Martínez, e a totalidade do grupo "Anacos de Buxo" (Xurxo Fernández, Pedro Álvarez, Alex Covelo e Ramón Corral).

Na terceira parte, Miguélez executou unha versión para gaita e piano do concerto de Ernesto Campos "Luces do Atlántico. Viaxe ritual por tres faros galegos" na que estivo acompañado por Pablo Diago ao piano.

Só fica dicir que a cualificación outorgada foi acorde coa interpretación: sobresaliente.

A Asociación de Gaiteiros Galegos quere transmitir a Xosé Luís Miguélez a súas máis sinceras felicitacións e desexarlle unha longa vida de éxitos no mundo da gaita. Parabéns tamén ao mundo da gaita que finalmente ten xa un titulado superior de conservatorio, neste caso o de Vigo no que fai xa algún tempo comezara esta aventura o noso benquerido Enrique Otero Covelo.