Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Varios / Presentación da nova páxina web do Obradoiro Seivane

Presentación da nova páxina web do Obradoiro Seivane

Varios


Ás 20 horas do pasado venres, 3 de novembro, presentouse a nova páxina web do Obradoiro de Gaitas Seivane no Salón de Actos da Fundación Luis Seoane da Coruña. A este acto asistiron máis de 100 persoas, a maioría delas relacionadas con mundo da música popular galega, que chegaron de toda Galicia.

Na presentación estiveron presentes Xosé Manuel Seivane, os seus fillos Álvaro e Xosé Manuel, as súas netas Susana e Sainza, o seu neto Roberto, ademais de Moises Facal, todos eles artesáns que forman parte do Obradoiro de Gaitas Seivane.


Máis información.

A nova web foi presentada por Pablo Blanco, responsable de proxectos de Oficio y arte, a Organización de Artesáns de España, que foi a entidade encargada do seu desenvolvemento. Polo seu deseño, estrutura técnica e contidos, esta web sitúase entre ás máis avanzadas das empresas de Galicia, sendo especialmente salientable o seu módulo Configurador de Gaitas, onde calquera interesado pode configurar virtualmente tódalas opcións dunha gaita, dende a tonalidade, a madeira, a funda ata, incluso, a altura da persoa que a vaia tocar.

Dende a web, que se pode consultar en catro idiomas, e que inclúe enormes contidos sobre a cultura da gaita (partituras, arquivos midi e un importante arquivo de fotografías), tamén se poden baixar, en formato pdf, un manual sobre o uso da gaita e a táboa de dixitación das gaitas Seivane.

Durante o acto presentáronse, tamén, un DVD sobre o proceso de construción dunha gaita, o manual impreso de instrucións e consellos, e un novo catálogo sobre este obradoiro.

Ao final serviuse un viño e soaron as gaitas de Pedro Lamas, Edelmiro Fernández e Dani Bellón con Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde á percusión. Incorporouse, tamén, Susana Seivane e, máis tarde, D. Henrique Otero Covelo.