Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Concursos e Certames / Memorial Ricardo Portela

Memorial Ricardo Portela

Concursos e Certames

Esta fin de semana terá lugar a VII edición do Memorial Ricardo Portela organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, e patrocinado polo Concello de Pontevedra. Trátase dun concurso de gaita que quere render unha merecida homenaxe ao gaiteiro de Viascón, mestre recuperador da forma de interpretar a gaita en toque pechado.

O principal obxectivo do certame é promover a música tradicional galega, así como impulsar a formación de novos cuartetos e quintetos. Como ocorreu nas pasadas edicións, o certame se desenvolverá en dúas fases: unha pola mañá, consistente en pasarrúas que dará comezo ás 12 da mañá na praza de Curros Enríquez, ocasión na que o xurado poderá elixir as
oito formacións finalistas, e unha final ás 20 horas do serán, na que o mesmo xurado escollerá os tres primeiros premiados, que recibirán premios en metálico de 1.500, 900 e 600 euros.

Asemade haberá o premio especial “Ricardo Portela”, dotado de 600 euros para a mellor interpretación dunha peza do repertorio do gaiteiro, e o premio especial “Seivane-Goretex”, consistente nunha gaita creada especialmente para esta sexta edición do Memorial e que recaerá na mellor interpretación dunha peza en toque pechado. Cómpre dicir que estes dous premios son compatíbeis con calquera dos
outros premios en metálico.

Os que todavía non estades anotados e desexades facelo podedes descargar as bases do concurso clicando aquí

Mais información.
Ademais do concurso o Concello de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos, organizará unha mostra de artesáns de instrumentos tradicionais que permanecerá aberta ao público
durante toda a fin de semana e na que participarán artesáns procedentes de todo o país.

O sábado, mentres o xurado do concurso delibera, contaremos coa presenza de Iván Costa, nomeado gaiteiro do Morrazo, quen acaba de editar o seu disco en solitario Ávrego, un traballo que aporta
melodías tradicionais e mais composicións propias no que o autor é ao tempo intérprete de tódolos instrumentos que soan no disco.

O domingo, ás 20horas Dani Bellón e Diego Maceiras e o grupo do Incio Xarín, se encargarán broche de ouro á VII Edición do Memorial Ricardo Portela 2005. Todas as actividades, salvo o pasarrúas que percorrerá todo o casco vello, terán lugar na Praza da Verdura de Pontevedra.