Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Concursos e Certames / Resultados do I concurso de gaita e percusión Toxos e Froles

Resultados do I concurso de gaita e percusión Toxos e Froles

Concursos e Certames

 

premio toxos e frolesO dúo Foidesta, formado polos irmáns Santi e Laura López Suarez –de 15 e 17 anos–, gañou a primeira edición do concurso de gaita e percusión para menores de idade que convocou o Toxos e Froles.

Os rapaces forman parte da asociación cultural Os Xeitosos, de Trazo (na provincia da Coruña), e interpretaron o “Alalá de Monterrei” e a “Jota de Recadadores”. Impuxéronse a outras seis parellas, chegadas desde Xinzo da Limia, Lugo, Melide e Fene, nunha final moi competida e logo dunha “tensa e dura deliberación”, segundo o portavoz do xurado. Os irmáns López Suárez levan uns oito anos na música tradicional e onte participaban nun concurso de gaita e percusión por segunda vez na súa vida. Moi aplaudidos polo público cando se soubo o veredicto, conseguiron vencer os nervos e amosábanse “moi ilusionados” polo resultado. Tamén subliñaron a categoría dos seus compañeiros, nunha proba “de moitísimo nivel”.

(Prema no título para ver a nova ao completo)



O Toxos convocou este concurso –dotado con 600 euros– para dar a coñecer ós rapaces que estudan nas escolas de música e baile tradicional, futuros referentes do folk galego, ofrecendo ademais un punto de encontro entre eles. O certame desenvolveuse con axilidade, xa que cada parella tiña un tempo máximo de cinco minutos para actuar. Pouco antes das oito o xurado –formado por Arturo Lamas, Fernando Dopico e Andrés Tojeiro– retirouse a deliberar mentres o sexteto ferrolán De Xirité entretiña a un público moi animado e que enchía o salón de actos. Tras o fallo, os catorce rapaces tocaron xuntos a muiñeira A Camposa.

Desde o Toxos amosáronse moi satisfeitos pola resposta obtida nesta primeira convocatoria e “emocionados” ante o calor dos espectadores que asistiron ó certame. “Para Ferrol e para Galicia, o Toxos é unha entidade cultural e queremos facer, como hoxe, que os nosos mozos poidan seguir o traballo de toda esta xente que temos detrás de nós desde 1914”, apuntou Eliseo Zaera, presentador do concurso.

O Toxos convocou tamén un certame de baile tradicional, que se celebrará no Jofre o 7 de xaneiro. O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de decembro.

www.diariodeferrol.com