Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio

A CASA DA GAITA

gaita fol

Situada en Viascón, concello de Cotobade , a CASA DA GAITA é o primeiro museo galego adicado á gaita de fol.

vitrinas centraisEste museo, xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, ten un gran valor histórico e cultural para a música tradicional galega. Acolle unha exposición de instrumentos musicais cedidos por Olimpio Xiráldez, Pablo Díaz, Ricardo Vieites “Caxide”, Emilio Lois e Pablo Carpintero. Esta colección de instrumentos vai acompañada de numerosos paneis didácticos, a través dos que tentaremos explicarche cal foi a historia da gaita de fol, como se aprendía a tocar, cales eran e son as súas tipoloxías e como funciona este antiquísimo instrumento musical.

A CASA DA GAITA conta ademáis cun espazo adicado a un dos máis senlleiros gaiteiros da provincia de Pontevedra: o mestre Ricardo Portela Bouzas, o gaiteiro de Viascón. Nesta sección acharás abondoso material que, cedido pola súa familia, nos lembra a súa figura, paradigma do digno gaiteiro galego, presidente fundador da Asociación de Gaiteiros Galegos e, sen dúbida, un dos mellores gaiteiros que Galicia ten parido.

foto antiga1

A exposición compleméntase cunha colección de fotografías antigas que dan conta, a través da imaxe, da historia e o contexto deste instrumento musical e os seus intérpretes ao longo do século XX. 

foto antiga2

espazo multimedia

Por último, pensamos que os complementos audiovisuais son fundamentais nesta era que nos toca vivir, por tanto dotamos ao museo dunha ferramenta informática que che permitirá: visualizar e escoitar material relacionado con D. Ricardo Portela, tocar un moderno controlador MIDI con dixitación de gaita galega (MasterGaita) deseñado por José Presedo, visitar a web da Asociación de Gaiteiros Galegos e consultar en liña un completo tratado sobre os instrumentos musicais tradicionais galegos, realizado por Pablo Carpintero no marco do proxecto Ronsel, entre outras.

 Facendo un breve percorrido histórico da gaita de fol

antiguedade1

A gaita de fol xurde hai aproximadamente 2000 anos cando alguén engadiu un fol, e dicir, un depósito flexible para o aire apertado debaixo do brazo, aos dous tubos sonoros que antes se tocaban directamente coa boca (clarinetes e óboes duplos); así xurdiron as gaitas de fol. Descoñécese en qué lugar apareceu o fol por primeira vez, pero o motivo foi seguramente tentar aliviar o gran esforzo que supoñía soprar en dous tubos á vez.

Antes do século XII carecemos practicamente de información iconográfica ou escrita que nos permita saber que aconteceu coa gaita de fol desde a invención do fol. Non entanto, a partir deste momento comeza a ser abundante a información, sobre todo a iconográfica, o que indica que a gaita de fol foi un importante instrumento musical, empregado tanto polas clases sociais superiores como polo pobo.

antiguedade2Durante o renacemento aparecen as gaitas de dous bordóns sobre o ombreiro, afinados na tónica do punteiro e por veces alimentadas de forma mecánica, é dicir, mediante un barquín, de xeito que non hai que soprar nelas coa boca para tocar.

Outro dos cambios a resaltar do renacemento e que dous instrumentistas diferentes van formar agora conxunto coa gaita de fol, iso si, por separado. O tocador de frauta e tambor, denominado tamboriteiro, toca agora a carón da gaita de fol formando un conxunto.

antiguedade3Como xa o fora na Idade Media e tamén no Renacemento, no Barroco o gaiteiro segue a ser unha personaxe importante, encargado de poñer a música nas ocasións rituais, como festas patronais e procesións, e tamén en festas máis pequenas. O gaiteiro segue a ser o músico máis importante para o pobo, malia que na música culta perdeu a importancia que mereceu en séculos pasados.

É deste período Barroco de onde herdamos unha boa parte das manifestacións que agora consideramos pertencen á nosa tradición. No caso da gaita de fol, as formas de vestilas, os torneados cos que se adornan as madeiras, unha parte importante do repertorio e a ornamentación parecen provir directamente dos séculos XVII e XVIII, igual que o traxe tradicional que aínda visten hoxe os gaiteiros galegos.

É tamén no período Barroco onde o gaiteiro acompañado polo tamboriteiro tocador de frauta e tambor transfórmase na parella de gaita de fol e tambor que chegou ata nós.
 Xa a mediados do século XIX fúndase en Galicia a primeira banda de música popular na que varios instrumentos musicais pasarán a tocar a carón da gaita de fol. Pezas como o pasodobre ou rumba, pasan a ser habituais xunto coas xa existentes como poden ser as muiñeiras ou as alboradas. Na primeira metade do século XX aparecen os denominados “cuartetos tradicionais”, nos que dúas gaitas tocan por primeira vez xuntas facendo as melodías por terceiras paralelas. Nos anos 1950-60 as orquestras entran con extraordinaria forza na nosa música, desprazando practicamente ás bandas populares. A partir dos anos 1970 a gaita rexurde con forza e desenvólvese un modelo de gaita de fol e palletas estándar, con afinación case temperada, quen de emitir unha escala cromática.

 O mestre Ricardo Portela

portelaRicardo Emilio Avelino Portela Bouzas, máis coñecido como Ricardo Portela, naceu en Viascón o 4 de novembro de 1920. De pai gaiteiro e acordeonista, a música sempre estivo presente na súa casa. Dos seus tres irmáns, Alba, Xesús e Xosé, os dous últimos tamén foron músicos. Con 12 anos mudouse a Vigo coa súa familia, onde recibiu clases de gaita de Xosé Oliveira Blanco, O Moreno de Lavadores a quen rendería pública homenaxe dedicándolle, de viva voz, unha peza nun dos seus discos.

En 1939 incorporouse ao servizo militar, pasando polos cuarteis de Vigo, Lleida, A Coruña, Tárrega, Mataró (onde lle roubaron a gaita), Granollers, outra vez Mataró, e Pontevedra.

Sen gaita, e a falta de atopar unha de calidade similar á que lle fora roubada, Ricardo abre, nesta época, un paréntese gaiteiro que habería de durar 13 anos

En 1944 casa con Osita Laredo, coa que tivo á súa filla Rosa e coas que máis tarde se mudou a Lugo.

En 1955 emigrou a Venezuela, onde fundou a Escola de Gaita do Lar Galego de Caracas. Ao regreso, en 1959, estableceuse en Pontevedra facendo próteses dentais e traballando, posteriormente, como celador no Hospital de Montecelo.

En 1968 grava, na compaña do seu irmán Xesús, o seu primeiro disco, “Irmáns Portela”. En 1980 edita, xa en solitario, o segundo, “Festa en Viascón”, co que se faría moi coñecido nos círculos gaiteiros. En 1985, por iniciativa do Profesor Filgueira Valverde, Portela levou a súa arte e peculiar estilo gaiteiro ao ámbito universitario no auditorio da Universidade de Compostela. O seu último disco, “Alborada en Cotobade”, aparece no ano 1990.

Nos seus últimos anos sufriu unha anxina de peito, o que provocou que os médicos lle recomendaran que deixase de tocar a gaita. Pero inda que os seus amigos idearon un sistema para facilitarlle o sopro, o seu amor pola música galega e, sobre todo, pola calidade e enxebreza da súa interpretación, fixeron que seguise tocando normalmente. Malia que sempre dicía que lle gustaría morrer tocando a gaita, non puido ser. Faleceu dun ataque ao corazón o 24 de marzo de 1992.

vitrina portelaConsiderado un dos mellores gaiteiros galegos da historia foi, ademais, un firme defensor da música tradicional galega e da dignidade da gaita e da figura do gaiteiro. O seu carisma e carácter vehemente provocaron a unión dos gaiteiros galegos dos anos 70 e 80 ao seu redor da súa doutrina. Esa unidade ideolóxica foi, sen ningunha dúbida, o alicerce para a formalización por escrito, o 28 de maio de 1988, dos primeiros estatutos da Asociación de Gaiteiros Galegos, da cal foi Presidente Fundador e Presidente de Honra.

“O gaiteiro é o intérprete das esencias máis enxebres da música de Galicia; ten nas súas mans o instrumento representativo dun pobo”.
A maiores da exposición permanente, organizaranse actividades vencelladas coa música e a cultura tradicional durante todo o ano.


Horario de visitas:

De Luns a Venres de 10h. a 14h.

Contacto:

Lugar de Quintán, 3 - Viascón (Cotobade).

T. 986 847 074 / 661 637 696

COMO CHEGAR:

Coordenadas GPS:

Latitude: 42.4836

Lonxitude: -8.5409
 mapa