Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Reunións, actos, ... / Crónica do XI Xantar Gaiteiro

Crónica do XI Xantar Gaiteiro

Reunións, actos, ...

O pasado domingo 26 de marzo tivo lugar o convite que a Asociación de Gaiteiros Galegos organiza cada ano ao comezo da primavera. O lugar escollido este ano foi o restaurante Punta del Este na cabeceira da comarca de Bergantiños, a vila de Carballo.



O abundante cocido, o magnífico viño, traído directamente da Ribeira Sacra, e as fontes e fontes de orellas que pecharon o banquete animaron a velada dende o primeiro momento. Aínda non chegaran as filloas cando Antonio Mato Rial (fundador do cuarteto Os Matos de A Coruña) obsequiounos cunha exótica interpretación á harmónica de varias foliadas galegas, os aplausos non se fixeron esperar.

Servido o café e, se cadra, cohibidos ante á cantidade de senlleiros mestres gaiteiros esparexidos polas mesas, a xente retrasou o comezo da foliada.


Un momento máxico da xornada veu da man do gran mestre gaiteiro Manuel Viqueira Vieites, o Gaiteiro de Vilaverde (Ordes, A Coruña), quen amosou o seu carisma coa interpretación dunha das xoias do seu repertorio, unha muiñeira cargada de forza e sentimento que provocou, primeiro, un silencio de espectación seguido dun rebumbio de auténtica ledicia, onde, por suposto, non faltaron os aturuxos.

Pouco a pouco os asistentes fóronse animando a tocar e bailar co cal a festa continuou ata a noitiña.