Caramuxo e Nova Galega de Danza conseguen o segundo posto nos IX Premios Opinión
Martes, 02 Marzo 2010 09:53
Caramuxo e Nova Galega ocupan conxuntamente o segundo lugarSon dúas propostas rompedoras no panorama musical galego e esa é unha das características que valoraron os membros do xurado para lles conceder o seu beneplácito. A outra é que saben ben por onde pisan malia abrir novos vieiros e sempre é máis complicado transitar por territorios ermos nos que cómpre investigar que empregar fórmulas xa coñecidas.
Caramuxo e Nova Galega de Danza son dúas formacións que chaman moito a atención polo seu labor e, sen dúbida algunha, veñen a enriquecer o panorama da música de raíz galega.
No caso de Nova Galega de Danza o seu nacemento musical non pasara inadvertido, xa que coa súa ópera prima foran quen de se alzar co premio ao mellor disco folk do ano nos nosos galardóns.
Agora recuncan no palmarés con esta terceira obra, na que a dirección musical recae por primeira vez en Pedro Lamas, que xa exercía como segundo nos anteriores álbumes. O músico considera que na obra decidiron apostar “por un repertorio que non resultase especialmente recoñecible e enfocamos o traballo sobre melodías concretas”.
Unha diferenza importante neste álbum é a presenza de case un 50% de pezas cantadas, “e resulta lóxico que iso suceda cando temos o referente da música popular e aí resulta de vital importancia a voz. Quixen que estivese compensada esa faceta coas propostas instrumentais”. En canto ao espírito creativo salienta que teñen moi presente que resulta mellor “ser atrevidos que conservadores.Queremos procurar os límites sobre os que estamos cómodos para dar unha volta máis e descobrirnos a nós mesmos”, indica Lamas.
Pola súa banda, o Cuarteto Caramuxo vén de debutar con Tiruriru, onde ofrece unha nova sonoridade baseada no labor dos catro clarinetes que forman parte do conxunto, que son acompañados por acordeón e percusión na formación, á que os espectadores da pasada gala dos nosos premios puideron contemplar en directo interpretando unha versión do grupo Milladoiro. Os compoñentes sinalan que cómpre amosar que a música tradicional “non está morta e existen diferentes xeitos de abordala. Nese eido aínda queda moito por facer”. Un dos puntos fortes deste traballo discográfico son uns arranxos ben coidados e resultóns, dos que os caramuxo comentan que se trata dun labor moi colectivo. “Partimos dende a melodía e un de nós presenta unha harmonización, e a partir de aí comezamos a xogar e cadaquén comeza a aportar elementos co seu instrumento”, indican os músicos da banda.
www.laopinioncoruna.es