Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Novas / Festivais, Foliadas, Romarías / I Encontro de Músicos Tradicionais da Limia (publicado o 20/09/2005)

I Encontro de Músicos Tradicionais da Limia (publicado o 20/09/2005)

Festivais, Foliadas, Romarías

I ENCONTRO DE MÚSICOS TRADICIONAIS DA LIMIA

Romaría da Saínza
Carballa da Rocha
Domingo 25 de setembro, ás 17 h.

O domingo 25 de setembro, día grande da festa da Saínza, a romaría da Limia, no prado afortunado da maxestosa Carballa da Rocha, celébrase o primeiro encontro de intérpretes de música tradicional, depositarios e transmisores da arte e do saber dos devanceiros. Coa presenza gozosa de moitos dos músicos limiaos vivos e dos parentes dos finados, que foron catalogados en publicación recente.

Teñen manifestado a súa adhesión ao acto o Museo da Limia, a Aula de Música Tradicional Gomes Mouro, a Vicerreitoría de Planificación do Campus de Ourense, a Difusora de Letras, Artes e Ideas e a Asociación de Gaiteiros Galegos.

Mais información

Numerosos intérpretes e agrupacións musicais teñen pasado pola Saínza e nela teñen deixado fecunda sementeira de melodías. Uns e outros deixan no ar o magnetismo de delicados sons que fan voar a imaxinación.
Campo e carballeira gardan orgullosos os ecos do agasallo de tan exquisito tesouro musical. A memoria e o sentir colectivos queren honrar estes intérpretes extraordinarios, auténticos e xenerosos, que visten con lenzos de ledicia a fatigosa existencia.
Baile de melodías, vivencias e expresións nun escenario de lecer e de emoción, disposto para acoller a cantos queiran achegarse ao lugar e render tributo de admiración e gratitude.
Baixo a protección evocadora da enramada, ha de haber novamente foliada de gaita e tamboril para esconxurar o meigallo da melancolía. E volveremos soñar e sentir.

A MELODÍA DA VIDA

A música, auga da alma, é remedio eficaz para aliviar as duras fatigas do corpo e sandar as feridas asañadas da mente. Paixón e fascinación que manteñen acesa a vida.
A Limia non é terra ruda e inculta, como quere propagar o prexuízo interesado e ignorante. É dona de valiosísimo patrimonio cultural, magnífico tesouro, creación conxunta de innúmeras persoas, coñecidas e anónimas.
Os músicos populares tradicionais son artistas xenerosos, conscientes de viviren tempos míseros, de recursos escasos. Plenamente integrados na colectividade, nunca se gaban do seu talento artístico nin procuran privilexios sociais. Viven coa mesma dignidade e mesura os momentos gloriosos de recoñecemento e as etapas sombrías de silencio.
A historia da música tradicional da Limia é tamén fascinante tratado da forma de vida do mundo rural. Expresión de entusiasmo e participación, que ten na palabra e na melodía os máis sólidos esteos para afirmarse.
Os limiaos temos grande débeda de gratitude cos músicos tradicionais. Esta homenaxe é apenas o limiar dos múltiplos recoñecementos que teñen de materializarse no urxente proceso de reconstrución de que é merecente esta terra.

[extracto do texto do libro Catálogo de músicos da Limia: música tradicional, Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2005]