Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio

Prensa

O PROGRAMA "OUTRA+OUTRA", AXUDAS PARA NOVAS FORMACIÓNS NA PROVINCIA DA CORUÑA

O programa Outra + Outra facilitou o acceso ao mercado discográfico de novas formacións musicais da provincia da Coruña. A través da terceira edición, quince grupos dos máis variados estilos dispoñen dun cedé respectivamente mercé ao proxecto impulsado pola Fundación Paideia e a Deputación, que achegou 35.000 euros. Para a gran maioría é a súa primeira pegada no mercado musical, e para outros lles permite incidir na súa consolidación. Este programa innovador ten o seu centro de operacións no estudo de gravación Mans.

Outras formacións que xa teñen tamén a súa cedé no mercado son: Intermission dúo de percusión, Grupo de bailes populares IAR, Capriccio Vocale e Ludus Tonales (A Coruña); Antoloxía Grupo e Banda de Música Sementeira (Cambre); Coral O Pote (Fene); Coro Toxos e Flores (Ferrol); Tamara Lorenzo (Ortigueira); Coral Casino Progreso (Mugardos); Banda de Gaitas Maruxía (Laxe); Capela Lauda Sión (Pobra); e Asociación O Castro (Miño).
 

ENTREVISTA A XOSÉ LUIS MIGUÉLEZ

Aquí tedes a entrevista que Emilio Españadero lle fixo a Xosé Luis Miguélez con motivo da publicación do seu novo traballo discográfico, "Esperanza". Foi publicada no "Correo Gallego" o 03/02/08.

"Falamos con Xosé Luis Miguélez da súa andaina musical, desde as primeiras clases sendo moi neno ata lograr esa titulación superior, e da grande importancia do obxectivo por fin acadado.

E.E. - As primeiras clases de gaita ¿cando e de quen as recibiches?

X.M. - Os meus pais leváronme a clases de gaita cando tiña seis anos nunha das primeiras escolas que houbo en Galicia, a “Escola de Gaitas da Deputación de Ourense”. Lembro que o primeiro día non parei de chorar porque non quería ir pero despois de escoitar as gaitas o que non quería era voltar para casa. O meu primeiro mestre foi Manolo Brañas e aínda continúo a ter unha moi boa relación con él, débolle moito. Cando tiña 11 anos levóume ao Festival Intercéltico de Lorient en Francia, era o músico máis xoven de todo o festival e a xente parábame pola rúa para sacarse fotos comigo.

E.E - E o teu primeiro instrumento ¿cando o tiveches?

Pois cando levaba uns meses indo a clases o meu pai mercoume unha, debeu ser no ano 1980 ou 1981, non me lembro moi ben. Era unha gaita de pau santo afinada en Do e feita por Manolo Brañas, que tamén é construtor. Non a conservo enteira pero si algunha peza solta.

E.E - Cóntanos como foi todo o proceso para chegar, desde ese inicial interese pola gaita a converterte no primeiro Titulado Superior no instrumento.

X.M. - No ano 1990 gañei un importante concurso para gaiteiros solistas e foi aí cando comecei a pensar en adicarme profesionalmente á música no futuro; así que me interesei polos estudos oficiais que, por aquel entón, so se impartían en Vigo. O mestre daquela era Carlos Núñez e falei con el para facer os exames dos catro cursos que existían no plan de estudos do 66. Facilitoume moito as cousas e fixen os exames por libre acadando o “Diploma en Gaita Galega”, que foi o primeiro título recoñecido do instrumento. Despois diso tiven que continuar os meus estudos musicais coa frauta traveseira xa que a gaita non tiña máis graos recoñecidos. A finais dos 90, coa incorporación da Loxse, por fin se instaurou o grao profesional; remateino en 2001 no “Conservatorio Mayeusis de Vigo” co mestre Ernesto Campos, un grande compositor para o instrumento e moi bo amigo, que me acolleu cos brazos abertos e que me ensinou moitísima música. Un ano despois comezou o grao superior en música tradicional galega no “Conservatorio Superior de Música de Vigo”, presenteime ás probas de acceso e conseguín unha praza; catro anos máis tarde, en novembro de 2006, fixen o concerto de fin de carreira e, por fin, se completaron todos os ciclos de ensino de música tradicional en Galicia.

Continuación da entrevista

Ler mais. ENTREVISTA A XOSÉ LUIS MIGUÉLEZ

 

VII PREMIOS OPINION DA CORUÑA

Artigo escrito por Oscar Losada para o xornal "A Opinión" da Coruña o 04/02/08

"Nesta sétima edición dos premios o voto do xurado estivo máis dividido que nunca e iso provocu que doce artistas tivesen algunha mención, a cantidade máis grande na historia deste galardón. Iso indica o eclecticismo dos xornalistas encargados de elexir aos gañadores e que, nesta edición, as propostas artísticas amosaron un alto nivel que complicou a decisión dos compoñentes do xurado.

Xosé Manuel Budiño foi quen de aparecer votado por seis xurados e iso levouno a acadar o primeiro lugar, que coloca ao seu traballo "Home" como mellor disco folk galego do 2007. É a primeira vez que un músico repite como gañador de mellor álbum nos PREMIOS OPINIÓN. O artista xa vencera na cuarta edición con Zume de Terra, aínda que naquela ocasión houbera moita máis diferenza de votos co artista que acadou a segunda posición.

Foi tal a variedade de propostas elexidas polos membros do xurado nesta edición 2007, que o trío Entre Trastes logrou o segundo posto contando só co apoio de dous xornalistas, que decidiron mencionalos como a súa primeira escolla, sendo a terceira posición para o grupo Fía na Roca."
   

O ARTESÁN RUBÉN GONZÁLEZ RECIBE A GAITA DE OURO DO CONSTANTINO BELLÓN

Diario de Ferrol (Montse Mayoral, 29/08/07)

"A xunta directiva do Ateneo concedeu a Gaita de Ouro a Rubén González López polo seu traballo de artesán a prol da música tradicional galega e a de Prata ó grupo Cántigas da Terra, da Coruña, polo seu papel na divulgación da cultura galega dende o ano 1916.

Rubén González López (Xinzo de Limia, 1925) é un gaiteiro feito a si mesmo. Cunhas poucas clases e moitos anos mirando o que facían os demais, conseguiu coñecer o instrumento, convertelo en seu de verdade e mesmo mellorar o seu son, moito despois de compralo por tres pesos cando tiña quince anos. "Hoxe un gaiteiro faise fácil -comenta-, pero daquela non había profesores... alí onde había un gaiteiro estaba eu collendo datos".

Co tempo, Rubén González López converteuse en artesán ademais de músico. Fixéronse famosas as súas palletas -a lámina situada na embocadura da gaita-, que conqueriron mellorar o son, e percorreu gran parte da xeografía española e portuguesa con diferentes grupos, o último o chamado Os Agarimos, co que aínda onte foi tocar ás festas de Santa Lucía en A Cervela, un dos escasos compromisos que Rubén González mantén ós seus 82 anos, excelentemente levados. O seu fillo continúa a tradición como músico e como artesán, unha circunstancia que quizáis leva á nova Gaita de Ouro do Ateneo a ser optimista: "a gaita galega non decae, non se perde; aínda que estiveron metendo outro tipo de gaitas de fóra, que a min non me parece ben".

Rubén González fala con auténtico entusiasmo da música galega e da súa historia de gaiteiro, unha vocación que sempre tivo que conciliar co seu traballo de ferreiro. "Coñecín a Faustino Santalices e regaloume un libro da montaxe da gaita que para min é unha xoia", conta. "Onde hai un gaiteiro hai un amigo", resume a súa filosofía de vida.

O artesán, afincado desde hai máis de sesenta anos na localidade de Somoza, no Incio (Lugo), mostrouse moi agradecido e decidido a ir o venres 31 de Agosto a Ferrol, para recoller o premio que lle brinda o Ateneo Ferrolán."
 

O GRUPO "CREMA DE GAITA" ESTREA WEB

Crema de gaita é un grupo folk con insignia distintiva que abraza formas pouco convencionais na música folk concibida en Galicia, achegándose aos ritmos latinos como son o tango, o tumbao, os boleros, as habaneras ou a bossa nova, xa que entende que Galicia posúe uns lazos culturais máis estreitos con Latinoamérica, a causa do fenómeno da emigración, que con outras culturas atlánticas que se tenden a fusionar habitualmente coa música galega.

Nembargante, Crema de gaita non rexeita as influencias euroatlánticas nin versións de temas da música tradicional galega, para demostrar as múltiples posibilidades que ofrece a gaita en numerosos estilos.

Crema de gaita aposta por un estilo orixinal e transgresor no que conflúe a música tradicional, popular e culta, nun intento de irmandar as diferentes culturas que conviven na actualidade.

Os músicos que forman Crema de gaita son:
 
Diego Mariño (gaitas e frautas)
Marcos Campos (gaitas e frautas)
Xose M. López "Josele" (clarinete, saxo e gaita)
Cris Macías (teclados e voz)
Ernesto Campos (guitarra e serrucho musical)
Judith Alonso (baixo eléctrico)
Xosé C. Villar "Bouza" (percusións latinas e tradicionais)
Suso "Feixón" Alonso (batería e percusións)

Na nova páxina web do grupo, www.cremadegaita.com, encontraredes mais información sobre concertos, galería de fotos, discografía, etc.
   

Páxina 1 de 3