Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio

Os Encontros anuais de música tradicional no entorno do mosteiro de Carboeiro, son Encontros para moitos e para os máis, reencontros. Isto tén mérito, calquera entende que esta continuidade é garantía de interés e participación.

Se as conversas amables, alegres, intelixentes, pícaras, etc. se pagaran no que valen, non chegaría o presuposto municipal de varios anos de tódolos Concellos da Comarca do Deza para pagar a festa dun só ano en Carboeiro. E se alguén non o cre, que veña e se fixe, e calcule.

Unha copla, por favor:
Dame un traguiño de viño
Para mollala garganta:
Cantaréiche como a rula,
Verás como a rula canta.

Outra máis:
Debaixo da túa ventana
Hei sementar un pemento
E halle chegala rama
Onde teño o pensamento.

Outra:
Carboeiro tén a sona
Carboeiro a sona tén
Carboeiro tén a sona
De adivertir a quen vén.

Veña outra:
De Carboeiro
Sae a xente
Cun pé bailando
E outro contente.

Iúuuujujuuuuuu…!:
Canta rula, canta rula
Canta rula naquel souto;
Coitadiño do que agarda
Polo que está nas maus doutro.

Epa!...
Ailá!:
Cantemos, deixemos iso,
Botemos todo na lama;
E despois da despedida
Nos vexamos con máis gañas.

Sacudideira, sacudideira,
Abrázame
Que vén a
Sacudideira.
Sacudideira, sacudideira,…


Pola socialización da intelixencia e a paixón: Vivan os Encontros 2005, etc., etc., etc…!