Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Grupos / Grupos / Pandereteiras/os / Brincadeira

Brincadeira

Rúa do Home Santo de Bonoval, 62, baixo

15703 Santiago de Compostela

Teléfono: 625 600 692 / 615 377 648

e-mail: gbrincadeira@gmail.com

Web: http://www.brincadeira.org

http://www.brincadeira.org/files/262.jpgBrincadeira formouse a finais dos anos 70 co obxectivo de conservar e difundir a música e o baile tradicionais galegos. Os primeiros membros de Brincadeira procedían de Coros y Danzas de la Sección Femenina de Santiago de Compostela que naceran en 1942 e desapareceron durante a Transición. Deles e delas herdamos instrumentos, traxes e o gusto polo noso baile e a nosa música; pero en Brincadeira démoslle outro enfoque ao feito folclórico: queremos conservar e difundir o sentir da cultura tradicional galega que se viña transmitindo de xeración en xeración.

O repertorio de Brincadeira baséase nun traballo de campo realizado ao longo de toda a xeografía galega e no que se busca como informantes ás persoas de máis idade que aprenderon da tradición oral. Nas súas actuacións, Brincadeira trata de reproducir o máis fielmente posible as pezas de baile e música recollidas que amosan a variedade e a riqueza da nosa cultura. O mesmo ocorre co vestiario, elaborado con tecidos naturais, seguindo modelos e patróns antigos, e coidando as características específicas de cada comarca.

Co fin de difundir o traballo realizado, o grupo vén participando dende sempre en festivais nacionais e internacionais, homenaxes, festas, romarías, mostras, exposicións, congresos, e, por suposto, facendo intercambios con xentes doutras culturas. Neste empeño traballan unhas 30 persoas distribuídas entre o corpo de baile, o grupo de gaiteiros e o grupo de pandereteiras, así como os directores artísticos de cada unha das seccións.